O BNG esixe á Deputación que elimine a exclusión de nenos con diversidade funcional
A portavoz municipal do BNG e deputada provincial, Iolanda Veloso, calificou de pouco ético e miserable que a Deputación de Pontevedra exclúa a nenos e nenas con diversidade funcional das bases da convocatoria tanto dos campamentos de verán que organiza en A Lanzada e como os campamentos polideportivos Príncipe Felipe. A nacionalista demandou a retirada inmediata desta exclusión, así como a reserva de prazas que garanta a inclusión dos nenos e nenas.
Iolanda Veloso explicou que o Bloque defenderá unha moción no vindeiro pleno da Deputación de Pontevedra que recolle estas demandas e que, ademais, esixe que se garanta a inclusión das persoas con diversidade funcional en todas as actividades desenvolvidas por esta administración, que son financiadas con cartos públicos, lembrou.
A nacionalista menciounou expresamente as bases da convocatoria dos campamentos que literalmente din: Quedarán excluidos os menores sen capacidade para desenvolver as necesidades básicas diarias así como os nenos con doenzas ou minusvalías que teñan contraindicada a súa asistencia ao campamento e o desenvolvemento normal das actividades.
Que significa que os nenos e nenas 'que teñan contraindicada a súa asistencia ao campamento non poden ir? Que clase de contraindicacións poden ter os campamentos? Cal é o desenvolvemento normal , preguntouse Veloso. E que clase de educación se lle da aos nenos e nenas que si van aos campamentos? Como podo eu explicarlle a miña filla que seu irmán non pode ir a estes campamentos porque ten autismo?, engadiu.
Os nenos e nenas con autismo teñen dereito a acudir ais campamentos que se fan con cartos públicos, subliñou a portavoz municipal do BNG, ao lembrar que hoxe, 2 de abril, conmemórase o Día Internacional de Concienciación sobre o Autismo, e que ten o azul como cor que o representa.
Reserva de prazas
As administracións teñen a obriga de atender a todos os nenos e nenas, defendeu a nacionalista, para quen a solicitude de reservar unha porcentaxe de prazas que non sexa en ningún caso inferior ao 15% non é nada novo.
Neste sentido, Iolanda Veloso recordou que nos campamentos que organiza a Concellería de Xuventude do Concello de Vigo si se reservan prazas para os nenos e nenas e se garante a súa atención mediante persoal de apoio. Pedimos que a Deputación faga o mesmo, subliñou.
Agardamos que esta exclusión se corrixa e que non se volva a producir unha discriminación semellante, manifestou a portavoz municipal do Bloque. Ao seu xuizo, esta separación das persoas con diversidade funcional que fai a Deputación de Pontevedra súmase á que defenden os populares entre nenos e nenas nos centros escolares, ou entre os que poden ir aos comedores escolares e os que non.