O pleno aproba a moción do BNG que reclama a retirada do anteproxecto da reforma local
O BNG acadou o respaldo do pleno, cos votos a favor do PsdeG e en contra do PP, para sacar adiante a moción que insta ao goberno do Estado a retirar o Anteproxecto de Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración Local, a suprimir as deputacións provinciais e a presentar un plan de financiamento dos concellos.
Esta lei deixa aos concellos coas mans atadas para prestar servizos á cidadanía, criticou a portavoz municipal do BNG. Precisamente Iolanda Veloso alertou de que os servizos municipais pasarán a estar controlados polas comunidades autónomas co criterio de que sexan rendibles económicamente.
Segundo subliñou a responsable nacionalista, a eliminación da débeda non ten que ser o obxectivo das administracións, senón que debe ser atender as necesidades da cidadanía, como poden ser as axudas de emerxencia.
Ao seu xuizo, o problema dos concellos non é a débeda senón que non teñen financiamento para prestar os servizos, polo que a proposta nacionalista demanda a elaboración dun plan de financiamento que permita aos concellos cuestear os servizos públicos locais.
Neste sentido, Iolanda Veloso mencionou o caso da Deputación de Pontevedra, na que segundo o informe do interventor non pode usar 25 millóns dos que dispón actualmente, e que poderían utilizarse en investimentos e servizos, apuntou ao respecto. Calquera concelleiro debería estar radicalmente en contra desta lei, porque elimina a autonomía dos concellos, engadiu.
A portavoz nacionalista alertou das graves consecuencias que terá para Galiza a aplicación desta lei. Quero ver como van responder os alcaldes do PP candos os seus concellos non teñan nada que ofrecer á cidadanía, comentou.
Coherencia coa democracia
Tras defender a supresión das deputacións e en resposta ao portavoz popular, quen acusou ao BNG de incoherencia por participar destas institucións provinciais, Iolanda Veloso defendeu que os deputados e deputadas do Bloque somos coherentes porque participamos destas institucións democráticas despois de ser elixidos democraticamente.
Somos coherentes coa democracia e pedimos a desaparición de todas as deputacións, esteamos nelas ou non, subliñou a responsable municipal do BNG.