O BNG esixe á Xunta que modifique a súa política educativa e garanta un ensino público e de calidade

O BNG esixe á Xunta que modifique a súa política educativa e garanta un ensino público e de calidade

O Bloque Nacionalista Galego acadou o respaldo do pleno (cos votos a favor do PSOE e en contra do PP) para instar á Xunta de Galiza que modifique a súa política educativa e garanta un ensino público e de calidade, dotando aos centros escolares do profesorado necesario. Na súa intervención, o portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez denunciou os recortes que o goberno galego está acometendo neste eido, entre os que destacou o cómputo de 1.000 profesores e profesoras menos para este curso académico, a eliminación de 175 aulas en toda Galiza e a supresión de profesorado para a atención de alumnado con necesidades educativas especiais.

“Esta é a triste realidade do goberno de Feijóo, que pasará á historia por ser o presidente galego que máis dano fixo ao ensino público do noso país”, enfatizou Santi Domínguez na defensa da moción. Ao seu xuízo, coa escusa da crise, o PP acomete recortes no ensino público “pero non por unha cuestión de cartos, senón de ideoloxía”.

Para o portavoz municipal nacionalista, “máis nocivo que o egoísmo é a falsidade constante”. Referiuse así as verbas do concelleiro popular, quen na súa intervención negou a existencia de recortes no ensino público galego. Pola contra, Santi Domínguez fíxose eco dunha información publicada na web da RTVE na que se recolle o aumento das horas lectivas, de 21 a 25, nas que se inclúe a vixianza do alumnado mestre agarda o bus.

Segundo explicou Domínguez, nesa mesma información, o conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, xustificaba a eliminación de profesorado, ao considerar que “obedece” a que hai centros con máis dos que lles corresponde. “Vostede acaba de dicir que non se reduce profesorado mentres o conselleiro di o contrario. Non minta, señor Relova”, instou o nacionalista.

 

O BNG esixe á Xunta que modifique a súa política educativa e garanta un ensino público e de calidade