30 anos do BNG como único referente nacionalista que defende os intereses de Galiza
O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, e a deputada no Parlamento estatal, Olaia Fernández Davila, salientaron que o BNG sigue sendo o único referente nacionalista en Galiza dende hai 30 anos que defende os intereses de Galiza. Manifestárono así tras o reparto de material informativo que tivo lugar no Calvario sobre as tres décadas nas que Bloque ten sido o mellor instrumento para parar os recortes, avanzar en autogoberno e en benestar.
Santi Domínguez expresou o compromiso do Bloque Nacionalista Galego a seguir traballando en contacto directo coa cidadanía. Afirmou que os e as nacionalistas desenvolverán diversos actos para transmitirlle aos cidadáns e cidadás que o BNG non transixirá con máis recortes do goberno central e do goberno galego. O BNG non vai permitir que Galiza e Vigo sigan medrando en pobreza, asegurou.
Poder adquisitivo dos traballadores públicos
Ten que ser o BNG a forza política que plante cara ás políticas inxustas do PP, dixo o nacionalista en resposta aos medios sobre a xuntanza que hoxe mantivo o alcalde da cidade cos sindicatos a respecto da moción do BNG aprobada no pasado pleno para compensar a perda do poder adquisitivo dos funcionarios e funcionarias.
Domínguez destacou que esta iniciativa se está impulsando nos concellos gobernados por alcaldes e alcaldesas do BNG e forzando nos concellos nos que non gobernamos. Segundo expresou, hai alternativas para executala, pero é o alcalde quen ten que poñelas en marcha, apuntou.
O nacionalista alertou de que a supresión da paga extra de Nadal non só é un problema deste ano en curso, senón que incluso pode abranguer ata o 2015. Tamén advertíu de que non só atañe aos empregados públicos, senón que asemade pode afectar ao resto dos traballadores e traballadoras segundo as manifestacións dos representantes populares. O BNG temos que parar estas políticas.
Roubo da democracia
Olaia Fernández afondou nesta cuestión e subliñou a necesidade que temos o 21 de outubro de mudar este goberno. Segundo defendeu, o BNG xa ten amosado ao longo dos anos a súa capacidade de traballo a vontade de cambiar as cousas. Temos que facer un traballo intenso para cambiar un goberno que recorta os dereitos e a prol da democracia que o PP está roubando, subliñou.
Para a deputada nacionalista é fundamental que o BNG acade unha importante representación no Parlamento galego para que a partir do 21 de outubro as políticas sexan contrarias as que agora fai o PP. Neste sentido, Davila apelou á responsabilidade da cidadanía e a necesidade imperiosa de cambiar o goberno do PP.
A cidadanía xa nos coñece e nós imos tratar de convencer á maioría social para que cambie a representación do PP e aumente a presenza do BNG no Parlamento galego, dixo Olaia Fernández en resposta ás preguntas dos medios sobre a concorrencia aos comicios doutras formacións políticas.