O BNG esixe que a Xunta paralice o ERE en Povisa e lle obrigue a cumprir as sentenzas laborais
Montse Prado: Parécenos indecente que o goberno galego entregue unha cantidade inxente de cartos e logo diga que non ten nada que fiscalizar
Serafín Otero: Queremos que se aclaren as contas e o concerto con este hospital privado e que os cidadáns de Vigo poidamos ter unha sanidade en condicións
Vigo, 19 de xaneiro de 2015.- A deputada do BNG, Montse Prado, e o candidato do BNG ás vindeiras eleccións municipais, Serafín Otero, demandaron ao goberno galego que paralice o ERE que pretende levar a cabo Povisa así como que faga público o concerto que asinou recentemente con este hospital privado da cidade. Así o defenderon os nacionalistas na presentación de diversas iniciativas rexistradas no Parlamento galego, que inclúen interpelacións ao goberno galego diante deste proceso que quere levar a empresa.
Para o BNG resulta inexplicable que se presente un ERE en Povisa alegando que van entrar en perdas cando nas contas aparecen uns beneficios de 11 millóns de euros, subliñou Monstse Prado, quen por outro lado criticou a absoluta opacidade do concerto, formalizado o pasado 1 de setembro e que supera os 600 millóns de euros (máis IVE).
Segundo defendeu a deputada do Bloque, algo segue cheirando a podre neste concerto cando o goberno galego non quere que se coñezan os detalles, especialmente cando Feijóo asegurou que este concerto da seguridade e un financiamento estable á empresa. Como é posible que se entreguen cartos públicos sen ningunha prestación?, sinalou.
Ao BNG parécenos indecente e vergoñento que o goberno galego entregue unha cantidade inxente de cartos e logo diga que non ten nada que fiscalizar, criticou Prado, quen manifestou as dúbidas do Bloque de que os cartos do concerto sirvan para que a empresa teña un bo balance de contas máis que para garantir a atención sanitaria dos pacientes.
Investigación da ratio de profesionais
Montse Prado explicou que entre outras medidas, o BNG reclama que se investigue a ratio de profesionais-doentes e profesionais por servizos e planta, así como a permanencia nos mesmos e a situación laboral e os horarios. Temos constancia de que as condicións laborais neste hospital son inaceptables, asegurou.
Queremos que se faga unha investigación para saber a onde van os cartos que a Xunta lle entrega a este centro, engadiu ao tempo que defendeu que se o PP non está por facer esta investigación resultará cómplice e consentidor.
Condicións laborais inaceptables
Neste sentido o candidato nacionalista, Serafín Otero, asegurou que a xestión de Povisa merece un claro suspenso, posto que é o hospital coa maior lista de agarda de Galiza e as súas condicións laborais son inaceptables. Como é posible que máis do 50% da plantilla de Povisa teña redución de xornada ou que os cambios de ubicación dos traballadores sexan constantes?, preguntou.
Para Serafín Otero o problema é que a prioridade do PP non é a saúde das persoas nin as condicións laborais do persoal e resaltou a importancia de que a Xunta faga público o concerto con este centro hospitalario porque non cadran as contas. Queremos que se aclaren as contas e o concerto con Povisa para que os cidadáns de Vigo poidamos ter unha sanidade en condicións, manifestou.
Por outro lado, o candidato do BNG lembrou que 5.000 pacientes solicitaron o cambio de hospital de referencia. Isto significa que as cousas non funcionan ben, apuntou. Ademais puxo de relevo que precisamente a sinatura deste convenio con Povisa é unha das causas da redución de camas e recursos do novo hospital vigués, tal e como denuncian os propios médicos da área sanitaria de Vigo, apuntou.