Serafín Otero: “A actuación de Caballero en Coia evidencia o seu talante antidemocrático”

Serafín Otero: “A actuación de Caballero en Coia evidencia o seu talante antidemocrático”

O candidato do BNG ás eleccións municipais lembra que o alcalde perdeu dúas votacións no pleno vigués sobre a colocación do Bernardo Alfageme

 

mani Coia Sera

Vigo, 16 de xaneiro de 2015.- Minutos antes do inicio da manifestación convocada pola Asemblea Aberta de Coia para rexeitar a colocación do barco Bernardo Alfageme na rotonda deste barrio, o candidato do BNG ás próximas eleccións municipais, Serafín Otero, criticou a actuación mantida polo alcalde ao respecto. Ao seu xuízo, tanto as súas decisións como as declaracións públicas realizadas por Caballero “evidencian o seu talante antidemocrático e a súa incapacidade para dialogar”.

Segundo destacou Serafín Otero, esa actitude antidemocrática do alcalde é evidente ao non respectar os acordos tomados no pleno do Concello de Vigo pola maioría da Corporación, en referencia as dúas mocións aprobadas en diferentes sesións instando ao goberno local a repoñer a vexetación na rotonda e trasladar o Bernardo Alfageme ao Museo do Mar.

“Como pode Caballero presentarse como candidato a alcalde de todos os vigueses e viguesas se non respecta a vontade da maioría dos representantes cidadás?”, preguntouse o candidato nacionalista, ao tempo que considerou que a falta de diálogo coa veciñanza de Coia amosa a súa incapacidade para chegar a acordos.

cartel mani Coia

Mobilizacións pacíficas

Neste sentido, Otero criticou que Caballero non manifestara ningún interese por coñecer de primeira man a opinión da veciñanza de Coia e que incluso estes veciños e veciñas teñan sufrido represión policial. “É lamentable que haxa veciños de Coia que son multados por participar en mobilizacións pacíficas”, manifestou ao respecto.

“É moi preocupante que o alcalde de Vigo ignore as decisións plenarias, actúe deliberadamente na súa contra e minta sistematicamente sobre as posturas mantidas polas diferentes forzas políticas”, asegurou Serafín Otero, quen subliñou que o BNG seguirá expresando na rúa as súas posicións, como o fai na manifestación de hoxe.

 

Serafín Otero: “A actuación de Caballero en Coia evidencia o seu talante antidemocrático”