O BNG insta á Xunta a musealizar o Bernardo Alfageme e instalalo no Museo do Mar

O BNG insta á Xunta a musealizar o Bernardo Alfageme e instalalo no Museo do Mar

Carme Adán salienta a necesidade de poñer en valor un elemento representativo do patrimonio marítimo galego

Serafín Otero denuncia as “mentiras constantes” do alcalde sobre a posición do Bloque

 

rolda Bernardo Alfageme 4Vigo, 21 de xaneiro de 2015.- A deputada do BNG, Carme Adán, e o candidato do BNG ás vindeiras eleccións municipais, Serafín Otero, defenderon a musealización do barco Bernardo Alfageme e a súa instalación no Museo do Mar. Neste sentido presentaron as iniciativas xa rexistradas no Parlamento galego, que instan ao goberno galego a iniciar conversas co Concello de Vigo.

“É un momento magnífico para que o Concello reconsidere a súa posición, escoite aos veciños e impulse a musealización do barco”, subliñou Carme Adán, quen salientou a importancia función didáctica e de atractivo turístico que deben ter os museos.

Precisamente a deputada nacionalista fixo referencia a un informe elaborado polo propio Museo do Mar, que ademais de explicar as características técnicas do buque, salienta a súa singularidade como parte do patrimonio industrial de Galiza e como achega ao seu desenvolvemento económico.

Este informe destaca ademais a necesidade de elaborar un proxecto integral de investigación, restauración e adecuación museográfica para o barco e asegura que o propio Museo do Mar de Galicia ten unhas instalacións idóneas para a súa exposición.

Para Carme Adán “compre ter en conta estas consideracións e potenciar a función didáctica dos museos”, en concreto do Museo do Mar. Neste sentido lembrou que esta instalación cultural naceu para ser referencia do patrimonio marítimo de Galiza e que pode ser unha “gran contribución a este obxectivo explicar e visualizar in situ a historia da construción naval de pesqueiros de litoral e altura en Galiza durante a primeira metade do século XX”.

iniciativa Bernardo AlfagemeFalta de respecto a democracia

“Estamos fartos das mentiras constantes do alcalde e cremos que merece contestación”, subliñou Serafín Otero en relación as declaracións de Caballero sobre a postura do BNG desde que o barco foi doado ao Concello de Vigo no ano 2000.

Así, o candidato do Bloque as vindeiras municipais amosou as actas do pleno da corporación celebrado en abril de 2005 no que se aprobou investir 275.000 euros para a rehabilitación do barco. Tamén mostrou a acta da Xunta de Goberno que tivo lugar o 6 de xuño de 2005, na hai unha proposta de inicio de expediente para rehabilitar o barco pero “na que nós non estabamos porque non formabamos parte dese goberno, presidido por Corina Porro”.

Segundo resaltou Otero, estes datos demostran que “todo o que di o alcalde ao respecto é unha mentira constante”. Ademais, acusou a Caballero dunha “falta total de respecto á democracia e a todos os vigueses e viguesas”, ao non cumprir os acordos plenarios.

 

O candidato nacionalista recordou ademais o pasado do alcalde como ministro de Transportes. “A el, que tanto lle gusta falar do pasado, igual tamén hai que recordarlle que como ministro non favoreceu moito á cidade e que tivo moito que ver en que o aeroporto de Vigo non sexa máis importante e que o AVE aínda non chegue a Vigo”.

115.000 euros en alumeado

Serafín Otero fixo referencia ao baile de cifras sobre a instalación do Bernardo Alfageme en Coia, e lembrou que só o alumeado ascende a 115.000 euros. “Se só poñer cables e luces custa iso, canto vai custar toda a instalación?”, comentou o nacionalista, quen apuntou que eses mesmos cartos son os que se poderían utilizar para o seu traslado ao Museo do Mar.

 

O BNG insta á Xunta a musealizar o Bernardo Alfageme e instalalo no Museo do Mar