O BNG felicita á veciñanza de Candeán polo novo pavillón pero esixe a reforma da pistas de atletismo
Os concelleiros do BNG, Santi Domínguez e Xabier Alonso, expresaron os seus parabéns á veciñanza de Candeán pola apertura de novas instalacións deportivas na parroquia. Este pavillón, iniciado polo Bloque no 2009 dende a Tenencia de Alcaldía e a Concellería de Deportes, recolle unha demanda histórica dos veciños e veciñas de Candeán, salientan.
O proxecto deste polideportivo, construido en terreos municipais e orzamento de arredor de 2 millóns de euros da Concellería de Deportes, naceu froito dun convenio entre o Concello de Vigo e a Xunta de Galiza polo que a administración local se comprometía a construir o pavillón mentres o goberno galego asumía a remodelación integral das pistas de atletismo de Balaídos.
O paso do tempo demostra que o BNG cumpre os seus compromisos cando está nas administracións. Porén o PP non fai o que asegura que vai facer, defenderon. Nesta liña indicaron que o convenio incluía a construción dun pavillón cuberto de atletismo, para o cal, co obxectivo de rebaixar o custe do proxecto, convocaron un concurso de ideas.
Os concelleiros do BNG aseguran que a pesar de que hoxe é un día feliz para o deporte de Vigo pola apertura dunhas novas instalacións, tamén queda a decepción de que o mundo do atletismo non vexa cumpridas as súas demandas.