O BNG demanda á Xunta que elimine as axudas ás aeroliñas e potencie a especialización das terminais

O BNG demanda á Xunta que elimine as axudas ás aeroliñas e potencie a especialización das terminais

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, anunciou que o Bloque defenderá no pleno do vindeiro luns unha moción que insta á Xunta de Galiza a eliminar todas as subvencións ás aeroliñas. Criticou asemade a “absoluta discriminación” do goberno galego con Vigo, fomentando a “competencia desleal” ao conceder axudas a voos e liñas nas outras dúas cidades, mentres deixa ao aeroporto vigués sen ningunha axuda.

“Deixar sen axudas a Peinador amosa que a Xunta non quiso facer competitivos aos tres aeroportos galegos”, subliñou Iolanda Veloso. A asegurou lembrou que precisamente desde o ano 2009, no que o BNG presentou á Xunta o Plan Estratéxico de Potenciación de Peinador, “nin a Xunta de Galicia nin ningunha outra formación política teñen presentado ningunha outra alternativa”.

Segundo defendeu a portavoz nacionalista, “pola contra, vimos asistindo a unha clara política de parcheo, tendente unicamente a subvencionar a compañias privadas que logo non son quen de consolidar estos vós e desaparecen”. Neste sentido lembrou o acontecido co voo a Londres, que no ano da súa posta en marcha en xuño de 2008 tiña unha ocupación do 70%, mentres que o ano pasado era do 54%.

 

Especialización

Outro dos acordos que demandará o Bloque na moción refírese á elaboración, por parte da Xunta, dun Plan estratéxico de coordenación, especialización e conexión das tres terminais aeroportuarias galegas. “A Xunta é responsable de que non haxa un plan estratéxico dos tres aeroportos e queremos que deixe de tomar decisións en contra da súa complementariedade”, salientou Iolanda Veloso.

Para a portavoz do BNG, ningún aeroporto galego pode ir por libre, senón que é imprescindible que a Xunta “planifique e racionalice o espazo aeroporturario galego”. Neste sentido acusou ao alcalde de non ter contribuido a fomentar esa necesaria complementariedade. “O alcalde tamén ten a responsabilidade de ter rebentado o comité de rutas”, asegurou.

Finalmente, Iolanda Veloso salientou a importancia de que Peinador se consolide como terminal de mercadorías, poñendo en marcha a “reivindicación histórica” de que poida estar aberto as 24 horas. Neste sentido salientou que este aspecto deberá estar recollido no plan aeroportuario da Xunta, por ser Peinador “o aeroporto representativo da cidade máis industrial de Galicia”, sinalou.

“Agardamos que esta moción sexa aprobada por unanimidade”, manifestou a portavoz municipal do BNG, quen comentou que xa desde o grupo popular expresaran a semana pasada o seu apoio a esta proposta.

O BNG demanda á Xunta que elimine as axudas ás aeroliñas e potencie a especialización das terminais