O BNG fíxase o obxectivo de recuperar os 50.000 visitantes perdidos aos museos nos últimos 4 anos
Serafín Otero defendeu a reactivación da Rede Museística Municipal e o aumento das achegas económicas ao Marco por parte do Concello e a implicación do resto das administracións
Vigo, 29 de abril de 2015.- O candidato do BNG Asembleas Abertas, Serafín Otero, destacou que a situación que atravesa o Museo de Arte Contemporánea é a demostración do nulo interese do PSOE e do PP pola nosa cultura. Criticou que hoxe en día o MARCO recebe aproximadamente un terzo das achegas económicas que recibía cando se abriu en 2002, polo que defendeu o incremento da partida destinada a este museo e a implicación das administracións.
Queremos denunciar a situación pola que está pasando o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, xa que os recortes do Partido Popular e do Partido Socialista o están levando a unha situación de precariedade, denunciou o candidato nacionalista tras un reparto informativo diante do museo no que explicou que debido a estes recortes, o Marco actualmente non representa o emblema que debería ser entre os museos da cidade.
Serafín Otero criticou que o museo sufra recortes por parte da Xunta e da Deputación desde hai anos, pero ultimamente existen recortes tamén por parte do Concello, engadiu. Segundo considerou, estes recortes provocan a baixada no número de visitantes, algo ao seu xuízo catastrófico para a nosa cidade.
Segundo destacou, un dos obxectivos prioritarios para o BNG no eido cultural é poñer en valor os museos, para o cal é indispensable reactivar a Rede Museística municipal como ferramenta para avanzar na estruturación e coordinación dos museos vigueses, explicou, citando Castrelos, a Pinacoteca, a Casa das Artes, o Verbum, o Centro Galego de Fotografía e a Casa Galega da Cultura, e os xacementos do Castro e Toralla.
Segundo asegurou, cómpre facer as achegas necesarias para que esta rede funcione e non podemos deixar que se manteña a situación actual, polo que defendeu traballar no obxectivo de recuperar os visitantes, en concreto, os 50.000 visitantes perdidos nos últimos catro anos.
Para conseguir este obxectivo salientou que é necesario ampliar os horarios de visita, reducidos drasticamente polo goberno do PSOE. Ademais os museos non se poden converter en almacéns de cultura, advertiu o candidato nacionalista, senón facelos accesíbeis a todos os públicos e tamén ás persoas que visitan a cidade, engadiu. Hai que encher os museos de máis contidos, con actividades que dinamicen estes espazos culturais, e que os fagan cobrar vida, concluíu.