O BNG reivindica a colaboración entre Universidade e Concello para crear emprego
Serafín Otero mantivo unha xuntanza co reitor vigués para trasladarlle as propostas do Bloque no eido universitario, entre as que destacou a creación de bolsas municipais para o retorno da mocidade emigrada
Vigo, 30 de abril de 2015.- O candidato do BNG Asembleas Abertas, Serafín Otero, destacou a necesidade de chegar a acordos coa Universidade de Vigo desde o Concello, especialmente en materia de emprego e de aplicación da tecnoloxía á xestión municipal. Así o manifestou tras o encontro que mantivo co seu reitor, Salustiano Mato, e no que tamén participou o candidato 5, Manuel Caride.
Entendemos que hai que buscar a proximidade entre a Universidade e a cidade e é importante que exista colaboración entre o Concello e a Universidade sobre todo polo desenvolvemento económico da nosa cidade, destacou Serafín Otero, quen agradeceu ao reitor a súa disposición para manter o encontro.
Segundo afirmou o candidato nacionalista temos que poñer en valor a nosa Universidade e a súa importancia, porque como vigués é un feito do que podemos presumir que estea entre as 100 primeiras do mundo, -de menos de 50 anos, apuntou o reitor ao respecto. Queremos prestar toda a colaboración posible, afirmou Otero, ao tempo que expresou a súa confianza en que a capacidade en desenvolvemento, innovación e tecnoloxía do centro académico vigués faga que en pouco tempo poda estar entre as 30 mellores do mundo.
Precisamente no programa do Bloque de cara ás vindeiras eleccións municipais proponse a aplicación de novas tecnoloxías á xestión dos servizos municipais e o desenvolvemento da administración electrónica. O obxecto, para o candidato nacionalista, consiste en dispor de máis medios para a participación e a información cidadá, a realización de trámites de xestión e medidas a favor da transparencia.
Retorno da mocidade
Serafín Otero subliñou que a colaboración entre Concello e Universidade debe ter o obxectivo de potenciar a creación do emprego, ao tratarse esta dunha das principais preocupacións na cidade. É necesario buscar que a xente que remata a súa carreira, posteriormente se poida incorporar nun posto de traballo na nosa cidade, nas empresas que temos, manifestou a respecto do forte desemprego xuvenil e a emigración forzosa da mocidade.
O BNG vai facer un esforzo, se nos toca gobernar, conxuntamente coa Universidade para que a xente que remate as súas carreiras poida traballar en empresas ubicadas na cidade de Vigo, remarcou, ao tempo que a necesidade de ofrecer facilidades económicas á mocidade emigrante para que poida retornar. Que o Concello se involucre nesta situación nos parece imprescindible, asegurou.
Traballo para a cidadanía
Pola súa banda, Salustiano Mato asegurou que é un pracer ter hoxe aquí ao candidato do BNG para a alcaldía de Vigo, quen destacou que para a Universidade é moi importante a relación co Concello. É fundamental, a través do Concello, facer máis e mellor o noso traballo para a cidadanía, achegarnos a ela e aportar as nosas capacidades e o noso talento á cidade e ás necesidades que ten a xente da nosa cidade, explicou.
Estivemos falando de cómo establecer no programa que propón o BNG a relación cara a Universidade e explicamos a nosa visión, as necesidades que temos e de que maneira podemos axudar, en que canles, destacou o reitor vigués, ao tempo que agradeceu a Serafín Otero a súa sensibilidade e as propostas achegadas polo candidato, considerándoas de gran interese.