O BNG preséntase como alternativa aos recortes do PP e ao localismo de cascarrabias de Caballero"
Serafín Otero: É tempo de abrir un novo ciclo que acabe coa política das inauguracións e se ocupe dos problemas reais da xente
Xavier Vence: "O reto é recuperar Vigo como motor económico e como cidade de cohesión social con servizos públicos de calidade
Vigo, 18 de abril de 2015.- O BNG - Asembleas Abertas de Vigo presentou hoxe a súa candidatura completa, coa que segundo destacou o portavoz nacional, Xavier Vence, o Bloque ten o obxectivo de estar a cabeza dunha Galiza dinámica no económico e no social. Segundo destacou, non pode facelo cun goberno municipal pechado na confrontación, nin da man de quen practica unha política de recortes que lle nega servizos básicos públicos de calidade como a sanidade á primeira cidade do país".
BNG-Asembleas Abertas é a alternativa política que ofrecemos a toda a cidadanía de Vigo que planta cara á política de recortes do PP, -que provoca paro, privatización de servizos públicos e exclusión social-, e que tampouco se resigna ás bravatas dun goberno municipal instalado na confrontación co resto do país e no victimismo para agochar que non ten proxecto para esta cidade, proclamou o portavoz nacional, Xavier Vence, na presentación da candidatura que lidera Serafín Otero.
Xavier Vence destacou que Vigo non pode liderar a Galiza da economía produtiva que cree emprego de calidade desde a confrontación, con localismos cascarrabias e histriónicos, nin con visións miopes de corto prazo. Ademais enumerou os inimigos de Vigo: Son os recortes do PP e do PSOE, as políticas centralistas do PP e do PSOE, os que abandonan sectores estratéxicos de Vigo.
O reto de BNG-Asembleas Abertas é recuperar Vigo como motor económico e como cidade de cohesión social con servizos públicos de calidade, cunha candidatura renovada e ilusionada. É unha candidatura modélica co obxectivo de construír un concello ao servizo da xente, desde o diálogo e a participación, salientou.
O portavoz nacional puxo en valor o traballo do BNG en defensa dos servizos básicos e dos sectores produtivos que forman parte da esencia de Vigo. Na rúa defendemos a sanidade pública, o naval, a pesca, o comercio local, estamos ao lado da xente. O que pretendemos facer materializar esas propostas desde o Goberno desta cidade, recalcou, que merece iniciar unha nova etapa.
Unha idea na que insistiu Serafín Otero ao anunciar que BNG-Asembleas Abertas quere abrir un novo ciclo que acabe coa política de inauguracións para dar prioridade aos problemas reais da xente, e tempo de pechar en Vigo ás políticas de recorte impostas pola dereita, e BNG-AA ten a vontade de ser a alternativa útil de cambio desde o nacionalismo de esquerda.
Despachos transparentes contra a corrupción
Entre as propostas urxentes citou construír un concello ao servizo da veciñanza, destinar recursos a eliminar a pobreza e a exclusión social con medidas de inclusión como o autobús gratuíto, comedores escolares, facilitando o acceso á vivenda. Igualmente, Otero subliñou a aposta por unha fiscalidade progresiva, orzamentos participativos e potenciar o transporte público e intermodal.
O BNG quere que a indignación social se escoite nos plenos municipais, recalcou. Os problemas da xente por diante e facer transparentes as paredes dos despachos para desterrar corrupcións e tratos de favor, cun goberno local que converta o concello nunha entidade de participación que logre unha democracia municipal real.
O candidato nacionalista aposta por unha cidade para traballar e para vivir cun novo modelo de urbanismo onde a protección ambiental e a recuperación de espazos urbanos degradados e no litoral sexa unha prioridade fronte a ocupación do territorio. En definitiva, queremos facer país desde Vigo, queremos mudar Vigo para transformar Galiza, concluíu.
Liderar a defensa da sanidade
A presentación da candidatura tamén contou coa intervención de Manuel Moreira (candidato 3), médico de profesión, crítico contra a privatización de servizos sanitarios asegurando que para o Bloque, o concello debe liderar a demanda das infraestruturas necesarias para proporcionar unha sanidade pública de calidade aos vigueses e viguesas.
A candidata 8 Elsa Quintas subliñou o papel que debe xogar o goberno municipal na promoción da lingua e da cultura propias, mentres Ernes Rodríguez (candidata 4) avanzou que o BNG porá máis recursos para a creación de emprego e supervisará os contratos públicos. A candidata 2, pola súa banda, Vitoria Iglesias, destacou a proposta de crear dous centros de información para a muller e maiores orzamentos para fomentar a igualdade de xénero e, tras lembrar o último caso de violencia de xénero, salientou que toda a sociedade debe implicarse na loita contra esa lacra.