O BNG queda só esixindo que o Concello cumpra a sentenza que o insta a derrubar a cruz do Castro
Iolanda Veloso subliña que é un símbolo franquista e que "ninguén obriga ao Concello a presentar un recurso"
Vigo, 29 de setembro de 2014.- Os grupos do PSOE e o PP rexeitaron a proposta do Bloque para que o Concello de Vigo non recorra a sentenza do Contencioso Administrativo nº 2, que o insta a derrubar a cruz do Castro. Segundo destacou a portavoz municipal do BNG esta cruz segue sendo un símbolo franquista pese a que un alcalde socialista insista en dicir que iso é unha cruz latina.
Iolanda Veloso apoiou a súa intervención no pleno mostrando cruces de formas diversas, todas elas cruces, pero cun simbolismo totalmente diferente, como son a cruz vermella, ou a de seis puntas. Ademais amosou a orixe da simboloxía da cruz do Castro, amosando un vídeo do NODO que recollía o momento da súa inauguración, en 1961, polo ditador Francisco Franco. Sabemos que o alcalde sabe que é unha cruz, pero non sabe que é un símbolo, ironizou.
É incomprensible que agora se estea negando que esa cruz é un símbolo franquista, como fai Caballero, manifestou a voceira nacionalista, ao tempo que lembrou que a Lei de Memoria Histórica foi posta en marcha por un goberno socialista, do mesmo partido que o alcalde da cidade.
Para Iolanda Veloso outra forma de facer política é posible e ninguén obriga a este Concello a presentar un recurso contra a sentenza, e pola contra defendeu o seu derrubo por respecto ás persoas represaliadas durante a ditadura e ás persoas que hoxe en día piden respecto.
Por outro lado, a portavoz municipal do BNG destacou que en Vigo aínda existen outros símbolos franquistas que hai que derrubar, como son os escudos que aínda perviven nun instituto público, no edificio de Aduanas e en diversas vivendas sindicais.
Preguntas
Na quenda de preguntas, Iolanda Veloso fixo referencia a un cidadán e unha cidadá que o ano pasado sufriron un golpe no seu coche e a día de hoxe seguen sen recuperar os cartos que adiantaron para a súa reparación. Cando se lles vai pagar?, preguntou; ao que o alcalde contestou que se lle contestará por escrito.
Pola súa banda, o concelleiro Xabier Alonso recordou que o propio Caballero asegurou que non se produciría ningún desafiuzamento en Vigo mentres fose alcalde. Pola contra, o edil nacionalista destacou dous casos de prórroga na execución de sentenza por non poder pagar os alugueres. Como pensa resolvelos?, reclamou. Ao respecto a concelleira socialista Isaura Abelairas sinalou que un deles non estaba na rúa grazas a intervención dos servizos sociais do Concello.