O BNG reclama a conxelación das tarifas do transporte público vigués e o bonobús para parados
Iolanda Veloso critica a mala xestión deste servizo, que provoca a continua diminución de usuarios e acusa a PP e PSOE de falta de vontade política para poñer en marcha o transporte metropolitano
Vigo, 17 de novembro de 2014.- A voceira municipal nacionalista, Iolanda Veloso, anunciou que o Bloque defenderá no vindeiro pleno da corporación a conxelación das tarifas ordinarias do transporte público de Vigo, ademais do bonobús para persoas paradas de longa duración. Explicou que o BNG quere presentar esta iniciativa antes de que teña lugar a reunión para a actualización dos prezos, previsiblemente no mes de decembro.
Segundo destacou Iolanda Veloso, o transporte público é un recurso básico para a cidadanía como forma de garantir a equidade entre a poboación e prioritario para as administracións desde o punto de vista medioambiental, xa que contribuiría ao desenvolvemento sostible da cidade.
Porén, temos un transporte mal xestionado, deficitario, que cada vez custa máis cartos e que ten peor servizo, denunciou a portavoz municipal do Bloque, quen incidiu en que o é un servizo público que con menos usuarios porque presta un servizo cada vez peor. Neste sentido citou como exemplo de servizo pésimo o hospital do Meixoeiro, e as dificultades para acceder ao centro durante as fins de semana.
Fixo referencia asemade aos constantes enfrontamentos entre a administración local e a concesionaria sobre o seu custe, con informes opostos, así como o prexuízo que as subidas do billete ordinario ocasionan ás persoas que veñen traballar á cidade da contorna da cidade.
Transporte metropolitano
Esta situación resolveríase se tivésemos transporte metropolitano, que xa é un culebrón máis da cidade, salientou Iolanda Veloso. Ao seu xuízo, esta cuestión non se resolve porque non hai vontade política, nin por parte do alcalde de Vigo nin por parte da Xunta de Galiza.
Ao respecto sinalou que o transporte público non está apoiado en absoluto pola Xunta de Galiza, xa que onde existe o transporte metropolitano é pura propaganda, posto que de feito os orzamentos de apoio ao transporte público diminuíron en máis dun 77% e non hai un estudo das necesidades de desprazamento da poboación nin unha avaliación das medidas establecidas.
Sabemos que a Xunta non vai ser quen resolva este problema, pero o PSOE tampouco ten interese en resolvelo pese ao pacto que fixo co PP, criticou, ao tempo que considerou imprescindible, tal e como demanda a moción a a realización dunha auditoría que permita coñecer os datos reais e ter un control exhaustivo do servizo que está prestando a concesionaria.
Ademais, a proposta que o BNG levará ao pleno inclúe a avaliación do novo mapa de liñas e á súa modificación para atender as necesidades reais de desprazamentos na cidade e a creación dun bonobús gratuíto para as persoas desempregadas de longa duración con ingresos inferiores ao Salario Mínimo Interprofesional e para aquelas que carezan de fonte de ingresos.