O Bloque reclama á Xunta que inclúa partidas para crear emprego, infraestruturas e servizos sociais
Carme Adán salienta que as emendas nacionalistas aos orzamentos da administración galega referidas a Vigo suman en total 15 millóns
Iolanda Veloso critica o esquecemento de Vigo nas contas autonómicas e denuncia que o pacto entre PP e PSOE non resolve nas necesidades da cidade
Vigo, 14 de novembro de 2014.- A deputada no Parlamento galego, Carme Adán, e a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, presentaron esta mañá as emendas aos orzamentos da Xunta para 2015 referidos á cidade de Vigo. En total as partidas que propoñemos chegan aos 15 millóns de euros, relacionadas directamente coa creación do emprego, o naval e os servizos sociais, destacou a deputada do Bloque.
Non atopamos investimento que reactiven o emprego, polo que incluímos unha emenda central para Vigo como é o centro de reparación naval, explicou Carme Adán, quen defendeu a necesidade de diversificar o sector e de potenciar a innovación, polo que esta partida é de 5,5 millóns. Esta proposta parécenos fundamental na situación de crise actual, subliñou.
A deputada nacionalista tamén resaltou a necesidade de potenciar os servizos sociais, polo que sinalou que para potenciar os servizos comunitarios municipais para dotar de persoal a benestar social, o BNG reclama 500.000 euros. Ademais, para a teleasistencia, despois de que moitas persoas quedaran sen o servizo prestado polo Imserso, demanda unha partida de 150.000 euros; e para a construción dunha escola infantil propón a inclusión 200.000 euros.
Por outro lado, Carme Adán falou doutras reclamacións, ás que denominou os clásicos, como son á Cidade da Xustiza, para á que o BNG pide 2 millóns, e que segundo comentou xa debería estar rematada e inaugurada; o túnel de Xulián Estévez, para o que o Bloque propón 3 millóns; e o desenvolvemento da Cidade do Mar, tamén con 3 millóns.
Hai outra partida que nós consideramos simbólica para a cidade e que ningún deputado vigués debería votar en contra, como é a referida á fundación Marco, para a que pedimos 160.000 euros, destacou Adán, quen tamén salientou que é un referente cultural de Vigo e de Galiza no exterior. Engadimos emendas moi realistas, polo que agardamos que o resto de deputados e deputadas voten a favor das mesmas, manifestou a deputada do BNG.
Iolanda Veloso, pola súa banda, destacou que xa nunha primeira lectura aos orzamentos da Xunta se comproba que Vigo non está. Asegurou que non figura ningunha medida para a creación de emprego, esquece infraestruturas fundamentais para a cidade, como a Cidade da Xustiza, o túnel de Xulián Estévez e a Cidade do Mar.
O único que hai é investimento para un hospital privatizado, continuando no camiño da privatización da sanidade viguesa, pero ningunha partida que dea respostas ás necesidades da cidade; por iso nós facemos estas propostas fundamentais para a reactivación económica de Vigo e a súa área, subliñou a portavoz municipal do BNG
Segundo explicou, estes esquecementos do PP son tamén esquecementos do PSOE, xa que pactaron os orzamentos en Vigo, pero ese pacto non serviu absolutamente para nada. Iolanda Veloso criticou que só serviron para que nos orzamentos da cidade os vigueses e viguesas tiveramos que asumir un hospital privatizado.
Queremos denunciar que o gran pacto PP-PSOE vendeu esta cidade, e non resolve ningún dos problemas de Vigo, criticou a voceira nacionalista.