O BNG solidarízase cos sindicalistas represaliados por defender dereitos e liberdades democráticas
O BNG de Vigo quere manifestar publicamente o seu apoio e solidariedade cos sindicalistas da CIG Marcos Cadórniga e Carlos Alján (na imaxe enviada, segundo pola dereita), así como con Carlos Búa de CC.OO. Con este obxectivo, a responsable comarcal do BNG, Manuela R. Pumar, o portavoz do grupo municipal nacionalista vigués, Santi Domínguez, e concelleiro Xabier Alonso, así como diversos integrantes do BNG de Vigo, fixeron esta mañá unha visita aos tres sindicalistas para trasladarlles o seu total apoio na súa protesta.
Os tres sindicalistas foron sentenciados a tres anos e un día polo xulgado do Penal nº1 de Pontevedra pola súa participación na folga de comercio e alimentación en 2009. Dita sentenza foi recurrida e, caso de perder o recurso, terán que ingresar no cárcere polo simple feito de defenderen o dereito á folga dos traballadores e traballadoras na demanda dun convenio xusto.
Desde o BNG considérase que unha democracia mínimamente avanzada non pode tolerar que se condene a prisión a persoas que loitan polo benestar colectivo. Polo mesmo, tampouco é posíbel situarnos nun marco de liberdades democráticas cando se dictan sentenzas desproporcionadas co fin de criminalizar ás organizacións sindicais.
Represión contra dereitos
Con actuacións como esta, para o BNG fica claro que ante a incompetencia dos gobernos do Estado e da Xunta para frear os efectos destrutivos da crise, o único que se persegue é agudizar a represión contra as persoas e organizacións defensoras duns dereitos laborais ameazados de xeito reiterado polas políticas reaccionarias impulsadas polo Partido Popular.
Por último, e como xeito de contribuir a denunciar a inxustiza cometida contra estes compañeiros e contra a clase traballadora galega no seu conxunto, o Bloque participará activamente en todas as mobilizacións de apoio convocadas a tal efecto.