O BNG esixe ao alcalde que medie para por fin ao conflito de Vitrasa e protexer os dereitos laborais
O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, reclamou ao goberno local que force á empresa Vitrasa a sentarse a dialogar cos traballadores e traballadoras para chegar a un acordo. Ao seu xuízo, é responsabilidade do goberno protexer por riba de todo os traballadores e traballadoras das concesións das distintos servizos municipais.
Santi Domínguez considerou que nun servizo fundamental para a cidadanía como o de transporte público, o goberno municipal non pode mirar para outro lado. Pola contra defende que debe esixir á empresa que se sente a negociar e acadar un acordo rápido que garanta condicións dignas aos seus empregados e empregadas e a volta á normalidade do servizo.
O portavoz municipal nacionalista lembrou que o BNG vén reclamando dende hai meses que esta empresa concesionaria ten que facer algún tipo de sacrificio como así o fixeron outras concesionarias que prestan servizos no Concello de Vigo, posto que se trata dunha concesión millonaria que reporta á empresa beneficios millonarios. Neste sentido Santi Domínguez recordou que o ano pasado Vitrasa incrementou a súa tarifa por rifa do IPC e aplicou a subida do IVE.
Segundo afirmou o portavoz do BNG, as peticións que reclamaman os empregados e empregadas de Vitrasa son razoables. Ademais defende que se axustan ao mínimo que deben esixir nuns tempos como os actuais, nos que os recortes e as políticas económicas repercuten negativamente no poder adquisitivo do conxunto dos traballadores e traballadoras e nos seus dereitos laborais.
Solidariedade cos traballadores
O Bloque quere mostrar a solidariedade e apoio aos empregados e empregadas de Vitrasa. Neste sentido o portavoz municipal nacionalista salienta que é tempo de definirse claramente a prol dunhas novas políticas económicas e dunha nova distribución da riqueza. Tamén defende que cómpre rexeitar ás políticas económicas e de emprego que cargan sobre a clase traballadora os efectos da crise económicas da que non é culpable, explicou.
É tempo de que as concesionarias que obteñen importantes beneficios e que se sustentan cos cartos dos vigueses e viguesas empecen a ser máis xenerosos e accedan ás peticións razoables dos traballadores e traballadoras, indicou. A tal efecto Santi Domínguez sinalou que esta mañá foille trasladado un escrito ao alcalde solicitándolle a súa mediación para solventar este conflito.