Domínguez acusa ao PP de covardía política e critica que frivolice sobre as familias en paro
O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, criticou este martes a frivolidade do Partido Popular en relación ás emendas presentadas polo Bloque nas que se reclama o aumento das partidas destinadas ao Plan de Emprego e a inclusión dun Plan de Compensación Social contra a crise. Nós non imos frivolizar sobre a situación tan grave de moitas familias en paro que nos piden axuda para subsistir, destacou o nacionalista.
Haberá que preguntarlle ao PP por que non lle aceptan as súas mocións. Será porque só buscan o rifirrafe constante, salientou Santi Domínguez. Ao seu xuízo, a gran emenda que o PP debe presentar non é neste concello, é diante de Louzán e Feijóo, pero non o fará porque é un covarde político e non se atreve, asegurou. Covardía política é non responder ás necesidades desta cidade, explicou.
En relación das declaracións dos populares nas que aseguraban que as emendas do BNG están feitas polo alcalde, o nacionalista asegurou que o Bloque non necesita ao alcalde nin a ningún secretario ou secretaria que redacte as nosas mocións. Esixiu ademais que o PP deixe de frivolizar coa grave situación das familias, causada precisamente polas políticas que levan a cabo os populares.
Cero euros grazas ao PP
Santi Domínguez, por outro lado, expresou a satisfacción do BNG por que o goberno municipal aceptara as emendas, nomeadamente o Plan de Compensación contra a crise. Afirmou que grazas ao BNG 2.000 familias terán 1.600 euros durante 8 meses, e grazas ao PP cero euros.
Lembrou a intervención da concelleira Iolanda Veloso no pleno de onte e destacou que o Bloque aprobou as ordenanzas porque queremos que os ingresos do concello repercutan nas familias viguesas.
Pola contra, asegurou que o Partido Popular non quere aprobar os orzamentos desta cidade. O paripé é o do PP, que presenta emendas para que non sexan aprobadas, destacou.
Xuntanza con CIG e UGT
Santi Domínguez salientou, por outra banda, que a xuntanza coa CIG e UGT (CCOO excusou a súa asistencia por problemas de axenda), enmárcase na rolda de contactos que o Bloque están mantendo cos colectivos sociais da cidade para explicar as súas propostas.
Nas reunións trasladamos o esforzo do BNG para recoller as propostas da cidadanía, centradas sobre todo no emprego e os servizos sociais básicos, sinalou ao tempo que asegurou que a sociedade demanda da clase politica que traballemos para atender as súas prioridades.
Precisamente mañá o grupo municipal do BNG manterá unha xuntanza ás 13:30 horas coa FAVEC na oficina municipal e ás 17:30 horas con diferentes entidades veciñais, na Casa Galega da Cultura.