As ordenanzas aprobadas hoxe garanten cartos para becas e emprego e conxelan a tarifa da auga e bus

As ordenanzas aprobadas hoxe garanten cartos para becas e emprego e conxelan a tarifa da auga e bus

O grupo municipal do BNG apoiou este luns a aprobación das ordenanzas municipais, nas que se contemplan as esixencias nacionalistas de conxelar a tarifa da auga e do bus urbano. “É preciso garantir os ingresos do Concello de Vigo para poder investir nos comedores escolares e no Plan de Emprego”, salientou a concelleira do Bloque, Iolanda Veloso.

Na explicación da postura do BNG ao respecto das ordeanzas municipais, Iolanda Veloso subliñou que o Bloque quere un “sistema xusto no que pague máis quen máis ten” tomando a renda como criterio fundamental. Neste sentido valorou o rexeitamento de alegacións sobre o IBI, que só recolle o valor catastral dos inmobles pero non fan referencia á renda.

“O sistema fiscal ten que ser progresivo, non ten que aplicarse por igual a todos e todas”, defendeu a nacionalista, para quen é importante como se gastan os ingresos. “Nós queremos que sufraguen servizos a quen máis o necesitan”, apuntou neste sentido.

Conxelación tarifa auga e bus

Iolanda Veloso salientou asemade as dúas esixencias planteadas polo BNG para apoiar as taxas, como son a conxelación do billete de Vitrasa e a tarifa da auga. “Por fin temos xa o estudo no que se plasma con números a tarificación da auga”, comentou a edil sobre a petición do Bloque de elaborar un estudo co obxectivo de “aplicar a tarifa máis xusta para todos os vigueses e viguesas”.

A concelleira nacionalista formulou varias críticas a respecto dese estudo sobre as diferentes posibilidades de tarificación do consumo da auga. Por un lado, lamentou que un estudo do Concello de Vigo non cumpra a ordeanza lingüística e estea redactada unicamente en castelán, polo que esixiu que sexa entregada en galego. E por outro sinalou que o estudo baséase no criterio de garantir os ingresos da empresa concesionaria, mentres destacou que para o BNG “debe basearse no equilibrio financeiro do concello”.

Contra a demagoxia do PP

A concelleira nacionalista respostou na súa segunda intervención ás acusacións formuladas polos populares ao afirmar que BNG e PSOE impulsan a subida de impostos en Vigo. “Quen sobe impostos neste país? Quen elimina a paga extra? Quen cobra os medicamentos? Quen nos cobra pola xustiza e fai unha xustiza só para ricos?”, preguntou Veloso en relación ás medidas económicas levadas a cabo polo PP na Xunta e ao goberno estatal.

“Cal é o país no que se privatiza o servizo de emerxencias e no que unha percebeira morreu porque a concesión non tiña persoal de garda? Pois os gobernos de Rajoy e Feijóo, que nos fan pagar máis polos comedores escolares e polo material escolar”, denunciou a edil do BNG. “Non veñan agora aquí con demagoxia”, recriminou aos populares.

En liña coa defensa dos criterios introducidos polo BNG para aprobar as ordenanzas fiscais, Iolanda Veloso defendeu os criterios nacionalistas para investir os cartos recadados. “Gastamos cartos en darlle cartos ás persoas que máis o necesitan e que vostedes abandoaron completamente”, rematou.

 

As ordenanzas aprobadas hoxe garanten cartos para becas e emprego e conxelan a tarifa da auga e bus