Domínguez: “Nin PP nin PSOE apostan pola chegada do AVE a Vigo no máis breve tempo posible"

Domínguez: “Nin PP nin PSOE apostan pola chegada do AVE a Vigo no máis breve tempo posible"

O portavoz municipal do BNG criticou este mércores que “nin PP nin PSOE apostan pola chegada do AVE a Vigo no máis breve tempo posible”. Asegurouno Santi Domínguez despois de que o PP presentara como urxente unha moción na que solicitaba o respaldo da corporación para apoiar os investimentos previstos polo ministerio de Fomento nos Orzamentos Xerais do Estado para a chegada do AVE a Galiza e que rexeitara unha emenda do BNG a esta proposta.

O nacionalista subliñou que o BNG non votaría a favor da urxencia da moción, posto que rexeita a utilización do Concello de Vigo “como plataforma propagandística do goberno”. Para Santi Domínguez, a moción dos populares “é un descaro que o pleno diga que estamos de acordo coas políticas do goberno central”.

O portavoz municipal do BNG destacou que a moción do PP é un claro exemplo de manipulación, xa que nela “non fala do futuro do AVE”, senón que pide que esteamos de acordo cos investimentos do Ministerio de Fomento. “Pero non estamos de acordo, igual que non estivemos de acordo o ano pasado”, manifestou ao respecto, quen lembrou que a deputada nacionalista Olaia Fernández Davila xa o ano pasado advertiu que a partida contemplada nos OXE 2012 quedaría sen executar.

“É lamentable a súa actitude, porque vostede minte e manipula, xa que nesta moción non se fala do futuro do AVE”, dixo Santi Domínguez en resposta á intervención do portavoz do PP, quen criticou a actitude do BNG a respecto desta moción.

Texto alternativo

Co obxectivo de acadar un acordo, Domínguez propuxo un texto alternativo no que a corporación “esixa ao goberno central que a chegada do AVE a Vigo por Cerdedo se realice nos prazos máis curtos posibles”. Tras o rexeitamento expresado polos populares, salientou que esa é a proba evidente da manipulación que fai o PP.

O portavoz municipal do BNG criticou que tanto PSOE como PP aprobaran a moción dos populares que apoia os investimentos previstos por Fomento. “Acaban de dicir que están de acordo cos orzamentos que o goberno pon enriba da mesa e cos 720.000 euros para o AVE entre Vigo e Ourense”, constatou.

A respecto do segundo punto da moción, que expresaba a reprobación ás iniciativas e manifestacións realizadas por representantes políticos cataláns cuestionando a pertinencia do AVE a Galiza, Santi Domínguez manifestou o seu acordo. Subliñou asemade que esa reprobación xa foi efectuada polo BNG no Parlamento estatal a través da deputada Olaia Fernández, quen destacou que se trata dunha infraestrutura que Galiza precisa.

 

Domínguez: “Nin PP nin PSOE apostan pola chegada do AVE a Vigo no máis breve tempo posible"