As emendas do BNG aos orzamentos do Estado suman 34,6 millóns para a comarca de Vigo

As emendas do BNG aos orzamentos do Estado suman 34,6 millóns para a comarca de Vigo

O portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, e a deputada no Parlamento estatal, Olaia Fernández Davila, presentaron este venres as emendas do BNG aos orzamentos do Estado, que só para a comarca de Vigo suman máis de 34,6 millóns de euros. Segundo destacaron os nacionalistas, estas emendas parciais van encamiñadas a potenciar “investimentos produtivos, políticas sociais e creación de emprego”, posto que os OXE 2013 están destinados a pagar a débeda.

En relación ás emendas referidas á comarca de Vigo, Santi Domínguez lembrou que é “inaudito” o acontecido o pasado mércores no pleno a respecto do AVE. “PP e PSOE votaron a proposta do PP decindo que están de acordo cos orzamentos de Fomento para a alta velocidade. E é inaudito porque como xa alertou a nosa deputada as partidas do ano pasado non foron executadas”, manifestou.

O nacionalista criticou que “agora volvemos a ver partidas infladas que tampouco van ser executadas”, polo subliñou que o debate do AVE “non é tanto as partidas como a falta de vontade para executalas”. Precisamente a respecto das previsións de investimento para o AVE, Olaia Fernández asegurou que o BNG “non imos permitir que ningún partido político elimine as partidas para Galiza”.

Santi Domínguez tamén destacou que para potenciar o Eixo altántico entre Vigo e a fronteira portuguesa o BNG demanda 10 millóns de euros. Malia destacar a importancia da alta velocidade, Santi Domínguez considerou fundamentais os “investimentos produtivos”. Neste sentido salientou que unha das emendas presentadas aos OXE refírese ao sector naval. “Queremos que o goberno central dea un impulso ao Centro de Reparación Naval de Vigo e por iso reclamamos 5 millóns de euros”, defendeu.

Impulso ao Porto

Co obxectivo de impulsar a actividade portuaria, o portavoz municipal nacionalista salientou que o Bloque propón que se inclúan 500.000 euros para o estudo de conexión ferroviaria do porto de Vigo co porto de Bouzas. Asemade, defendeu a necesidade de potenciar a Plataforma Loxística de Salvaterra-As Neves, “paralizada nos últimos tres anos e medio”.

Para acadalo, Santi Domínguez defendeu que o aumento de 12 millóns para a Zona Franca de Vigo co obxectivo de desenvolver as infraestruturas necesarias para a Plisan, así como 500.000 euros para o estudo da conexión ferroviaria do porto de Vigo coa Plisan.

“Incluimos tamén algo que xa reclamamos aos anteriores gobernos de PSOE e PP, como é a conversión do tramo da AP9 entre Rande e Vigo e vía urbana”, explicou Santi Domínguez. Para o nacionalista trátase dunha actuación imprescindible para desconxestionar o tráfico nas rúas Sanjurjo Badía e Travesía de Vigo.

Finalmente destacou que para Vigo o BNG tamén reclama 300.000 euros para a ampliación e remodelación do centro Carmen Avendaño.

200 millóns para ensino

Olaia Fernández, pola súa banda, destacou que as emendas nacionalistas teñen o obxectivo de incrementar o investimento en servizos públicos como son a sanidade e o ensino. Ao respecto explicou que o BNG demanda máis de 200 millóns para garantir a gratuidade dos libros de texto, as becas ao estudantado, o mantemento do programa Erasmus, a aplicación efectiva da LOE e o reforzo dos centros de ensino infantil de 0 a 3 anos.

No tocante aos servizos sociais, a deputada do BNG subliñou a demanda de máis de 50 millóns en diferentes programas, así como máis de 125 millóns para aplicar a Lei de Dependencia. “É unha lei que garante determinados dereitos á cidadanía que non se pode levar a cabo por falta de financiamento”, sinalou.

Políticas activas de emprego

Asemade destacou que o Bloque inclúe demandas ao Ministerio de Emprego: “presentamos diversas emendas por máis de 1 millón de euros para que desenvolver políticas activas de emprego e políticas de reinserción laboral das persoas desempregadas”, apuntou ao respecto.

“No marco do criterio do BNG para que o goberno invista en investimentos produtivos tamén presentamos emendas para activar o sector industrial”, engadiu. Neste sentido, o Bloque reclama un plan para o desenvolvemento industrial de Galiza “para que o desenvolvemento económico de Galiza poida ir cara adiante, porque co goberno do Estado non é posible”, asegurou.

 

As emendas do BNG aos orzamentos do Estado suman 34,6 millóns para a comarca de Vigo