Iolanda Veloso acusa ao alcalde de preferir unha foto antes que buscar solucións reais para Peinador
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, acusou ao alcalde de non querer buscar unha solución real para Peinador e preferir unha fóto fácil baseada en soflamas vitimistas. Para a responsable nacionalista, a actitude do alcalde de non presentar alternativas claras e viables para a terminal viguesa vaille saír cara a cidade.
Iolanda Veloso considerou lamentable que o alcalde prefira ver como o PP pecha Peinador e así poder saír de vítima. Segundo salientou, ao rexidor vigués gústalle máis ir de chairego solitario que comprometerse realmente co futuro e a viabilidade do aeroporto da cidade.
Non sabemos se ao alcalde lle vai saír cara a súa actitude, pero á cidade seguro que si, cando Aena decida pechar a terminal por non ser rendible, manifestou a portavoz municipal do BNG, quen asegurou que a postura mantida por Caballero só conduce á ruina.
Iolanda Veloso subliñou que o BNG si busca solucións reais para Peinador, baseadas na complementariedade das terminais galegas e a súa especialización, así como na igualdade condicións dos aeroportos en función das súas necesidades, tal e como recollía a moción nacionalista aprobada no pleno do pasado luns.
Está claro que a solución aos problemas de Peinador, ou de calquera outro aeroporto non pode vir dos orzamentos municipais, necesarios para apostar polo emprego e os servizos sociais, nin de soflamas vitimistas que tanto gustan ao alcalde, engadiu a portavoz municipal do BNG.
Veloso rematou criticando que o alcalde non quere buscar solucións reais para Peinador. El considera que canto peor, mellor, e así é imposible solventar os graves problemas do aeroporto.