O BNG oponse á eliminación do partido xudicial de Vigo e considera inadmisible esta posibilidade
A deputada no Parlamento estatal, Olaia F. Davila, e a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, subliñaron este luns a oposición do Bloque Nacionalista Galego á eliminación do partido xudicial de Vigo prevista na reforma da Lei Orgánica do Poder Judicial, ao pretender un único partido xudicial por provincia. Esta decisión supón unha grave redución do acceso á xustiza, denunciou Fernández Davila.
Queremos que no Congreso dos Deputados o ministro nos explique cales son as súas pretensións, afirmou a deputada do BNG, quen subliñou que é inadmisible que en Pontevedra, dadas as características da provincia, se plantee a existencia dun só partido xudicial. Ao seu xuizo, de levar a cabo reforma dos partidos xudiciais terá que facerse tendo en conta a poboación.
Olaia Fernández explicou que o Ministerio de Justicia encargou a unha comisión de expertos un informe sobre a reforma da Lei Orgánica do Poder Xudicial, entregado no mes de febreiro e do que trascendeu que o Goberno prevé un único partido xudicial por provincia, agás Madrid y Barcelona, así como a supresión das audiencias provinciais.
É gravísimo que pretendan eliminar os partidos xudiciais agás os provinciais, subliñou Davila. Ao seu xuízo, esta redución, xunto á aplicación das taxas xudiciais e intención de privatizar os rexistros civís, dificulta a toda a cidadanía o acceso á tutela xudicial.
Precisamente nesta liña a iniciativa presentada polo BNG pregunta ao goberno se non considera que eliminar os partidos xudiciais e concentralos só nas capitais de provincia supón un empeoramiento do servizo á cidadanía, así como o seu encarecemento.
Olaia Fernández lembrou que xa hai un ano o BNG expresou a súa preocupación pola proposta do Consejo General del Poder Judicial que pretendía reducir os partidos xudiciais en Galicia de 45 a 13. Trátase dunha liña vermella que o Goberno cruza para rebaixar os dereitos da cidadanía, denunciou.
Evitar o colapso
De saír adiante a proposta do ministerio, Olaia Fernández alertou de que cidades do tamaño e as características de Vigo serían privadas de partido xudicial. Apuntou que no caso concreto de Vigo, trátase da única cidade que non é capital de provincia que triplica a poboación da sede gubernamental.
Vigo non necesita eliminar o partido xudicial, o que precisa é reforzar os seus xulgados para evitar o colapso, advertiu a deputada nacionalista, para que a responsabilidade da situación da xustiza na cidade é tanto do goberno central como da Xunta de Galiza.
Escoitar ao estamento xudicial
Fernández Davila sinalou que o BNG fai esta proposta amparándonos nos distintos estamentos xudiciais. Neste sentido indicou que os propios profesionais do sector advirten de que se xeneraría un auténtico caos se se suprimise o partido xudicial de Vigo.
Criticou que o goberno poida levar adiante esta reforma sen escoitar ás opinións de xuíces, avogados e fiscais. O Consello Xudicial non pode ser tan cego, considerou. Sinalou que o BNG manifesta hoxe a súa postura, e os profesionais da xustiza xa a manifestaron tamén, polo que defendeu que o goberno galego tamén se pronuncie antes de que haxa un proxecto de lei e incluso antes de que haxa un anteproxecto.
Precariedade
A portavoz municipal do BNG, pola súa banda, alertou da precariedade na que se atopa un servizo básico como é o da xustiza na cidade de Vigo. Neste sentido mencionou as dificultades para substituír á titular do xulgado de violencia, así como a parálise da Cidade da Xustiza.
Iolanda Veloso subliñóu que esas decisións previstas polo Ministerio de Justicia repercutirían gravemente no empeoramento do acceso á xustiza para todos os vigueses e viguesas.