Iolanda Veloso: “Dar cartos públicos a empresas privadas non é reflotar Peinador"

Iolanda Veloso: “Dar cartos públicos a empresas privadas non é reflotar Peinador"

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, negou que achegar cartos dende as administracións públicas ás empresas privadas sexa a solución para reflotar Peinador, en tanto que a súa situación “é preocupante dende hai anos”. Ao seu xuizo cómpre a posta en marcha dun Plan estratéxico que inclúa as “necesidades reais do aeródromo vigués e que inclúa unha “visión global dos aeroportos galegos”.

Iolanda Veloso salientou, neste sentido, o papel da Xunta na baixada de pasaxeiros de Peinador. Lembrou que o Parlamento galego aprobou no 2010 por unanimidade o Plan Estratéxico de Peinador presentado polo BNG, co obxectivo de que o Comité de Rutas o tivera en conta. “Paradoxarlmente, o ano seguinte no Parlamento galego, o PP votou en contra de executar os acordos adoptados”, criticou a nacionalista.

Segundo a portavoz municipal do BNG “ninguén pode poñer en dúbida o noso compromiso co aeroporto”, ao lembrar que foi o propio Bloque quen presentou diversas iniciativas no Parlamento galego para frear a súa caída. “Sempre reclamamos medidas para facer fronte ao descenso de viaxeiros, pero o goberno galego leva anos sen facer nada”, salientou.

Voo a Londres

Entre as medidas impulsadas polo BNG, Iolanda Veloso mencionou precisamente o voo a Londres. Ao respecto destacou que cando se puxo en marcha en xuño de 2008 tiña unha ocupación do 70%, mentres que o ano pasado era do 54%. Para a nacionalista, este é un dos datos que indican claramente que dar cartos a RyanAir “non é unha prioridade”.

Afondando na actuación do goberno galego, a responsable nacionalista tamén criticou que no 2010 no Parlamento galego o PP votara en contra dunha iniciativa do BNG que reclamaba un Plan Estratéxico para o desenvolvemento do mapa aeroportuario galego. “O PP nunca tomou en serio a planificación dos aeroportos e a súa defensa”, manifestou.

Leas localistas

“No BNG criticamos que en lugar de apostar polos aeroportos, o PP se dedicase durante anos a alimentar leas localistas que prexudicaron aos tres aeroportos”, destacou Iolanda Veloso, para quen neste localismo prexudicial tamén ten contribuido o o alcalde de Vigo.

Segundo a portavoz municipal do BNG, “o alcalde debería utilizar os cartos públicos para dar resposta ás verdadeiras necesidades dos vigueses e viguesas”. Neste sentido reiterou que os orzamentos municipais de 2012 contemplan 3,2 millóns para as familias que peor o están pasando e “que aínda están sen executar”. “Estaría ben que o alcalde se puxese as pilas e se preocupara polas partidas consignadas para compensar as consecuencias da crise”, concluiu.

 

Iolanda Veloso: “Dar cartos públicos a empresas privadas non é reflotar Peinador"