O BNG insta ao alcalde a xestionar os orzamentos municipais e atender ás persoas máis desfavorecidas
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, instou ao alcalde da cidade a xestionar xa a totalidade dos orzamentos municipais para este ano 2013. Nas contas municipais para este ano temos 3,2 millóns para as familias máis necesitadas que aínda están sen executar, e isto para nós é unha auténtica prioridade, subliñou a responsable nacionalista.
Esperemos que cando o alcalde se reúna cos colectivos da cidade non se esqueza de reunirse coas persoas desempregadas, coas que foron desafiuzadasda súa vivenda ou coas que perderon a Risga, comentou Iolanda Veloso sobre as declaracións do alcalde nas que asegurou que se reuniría con diferentes colectivos para falar da situación de Peinador. Non sabemos que novidades lles vai contar, puntualizou.
Por outro lado, a portavoz municipal do Bloque puxo en cuestión que os orzamentos municipais sexan a ferramenta máis axeitada para salvar un aeroporto. A quen quere convencer Caballero cando o único que plantea é dar cartos públicos a aeroliñas, que recibindo axudas volarán aínda cos avións baleiros e que marcharán cando eses cartos rematen?, preguntouse.
Planificación dos aeroportos
Segundo Veloso, esta non é maneira de recuperar Peinador. Ao seu xuízo, os datos negativos do aeroporto vigués débense a que o propio alcalde e a Xunta non son quen de poñer en marcha unha política aeroportuaria que coordine e planifique a actividade dos tres terminais galegas.
Para a portavoz municipal nacionalista, o futuro dos tres aeroportos galegos pasa necesariamente pola súa complementariedade, tal e como, segundo lembrou, xa contemplou o BNG cando as responsabilidades de Turismo das tres cidades estaban a cargo de concelleiros nacionalistas.
Queremos un alcalde que xestione os cartos públicos para axudar ás persoas, en especial ás que peor o están pasando debido as políticas crueis do PP, e non para facerse fotos e conseguir titulares de prensa, concluiu Iolanda Veloso.