Iolanda Veloso denuncia que o pacto de PP e PSOE non serve para defender o partido xudicial vigués

Iolanda Veloso denuncia que o pacto de PP e PSOE non serve para defender o partido xudicial vigués

A portavoz do BNG cualifica de “auténtico despropósito” a reforma que pretende o ministro Gallardón e o informe do CGPJ

 

declaracións partido xudicialVigo, 17 de xuño de 2014.- A portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, reiterou a oposición do BNG á reforma xudicial que impulsa o PP e que supón a desaparición do partido xudicial de Vigo. “A reforma baseada na división provincial prexudica fondamente á cidade e desde o punto de vista do sentido común é un auténtico despropósito”, subliñou en resposta aos medios.

Iolanda Veloso criticou que esta reforma consiste nun “recorte puro e duro de servizos básicos”, que se suma ao taxazo xa en vigor. “Estas decisións inciden terriblemente no afastamento da xustiza da cidadanía, xa que propician que sexa menos accesible para quen a precisa”, denunciou.

Para a voceira do Bloque existe un “problema serio” en Vigo debido ao pacto entre PP e PSOE, que atinxe a cuestións tan relevantes como os orzamentos municipais. Ao seu xuizo este pacto non serve para defender o partido xudicial da cidade senón que “pretende salvar a cara dos dous partidos a nivel local ”.

Segundo apuntou, mediante este acordo o PP non ten que dar contas do que fai en Santiago en Madrid. “A nivel local, aparentemente defenden o partido xudicial, pero en realidade, á hora de tomar as decisións, vemos que non é así, xa que é o propio PP o que vai eliminar o partido xudicial de Vigo”, manifestou. Indicou que malia que o informe non é vinculante, “xustifica a postura do ministro”, quen ao seu xuízo, “non se caracteriza por escoitar á cidadanía, e polo que se ve tampouco ao Partido Popular de Vigo”.

Por outro lado, considerou que o alcalde “vai volver vendernos que o seu pacto co PP é para defender o interese xeral, cando a realidade é que deixa á cidade sen partido xudicial”. Ao respecto apuntou que o pacto entre PP e PSOE en Vigo tamén se aprecia no informe do CGPJ, polo que asegurou que “o certo é que PP e PSOE se unen para aplicar as peores decisións políticas que poden aplicar nesta cidade”.

“No BNG seguiremos defendendo o partido xudicial de Vigo, tanto na rúa como nas institucións”, rematou. Neste sentido, recordou que o Bloque presentou diferentes iniciativas nas institucións nas que ten representación, tanto no Concello, no Parlamento galego como no Congreso.

 

Iolanda Veloso denuncia que o pacto de PP e PSOE non serve para defender o partido xudicial vigués