O BNG rexeita o orzamento dos recortes acordado polos monárquicos PSOE e PP nun “pacto vergonzoso"

O BNG rexeita o orzamento dos recortes acordado polos monárquicos PSOE e PP nun “pacto vergonzoso"

Iolanda Veloso destaca que as contas municipais para 2014 rebaixan 700.000 euros os convenios para emprego e 1,2 millóns en axudas directas

 

intervención Iolanda pleno orzamentosVigo, 13 de xuño de 2014.- No pleno celebrado hoxe, marcado polas protestas da veciñanza de Teis a favor da xestión pública do centro cívico, o grupo municipal do BNG vigués votou en contra dos orzamentos municipais froito do “pacto vergonzoso” entre PP e PSOE. “Próelles que o BNG denuncie o pacto dos monárquicos, da vergonza”, salientou na súa intervención a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso.

“Estes son uns orzamentos froito do pacto entre o PSOE e o PP, din vostedes que polo ben da cidade, pero isto é absolutamente falso”, destacou Iolanda Veloso: Neste sentido asegurou que o único interese do alcalde ao pactar co PP é “aferrarse ao cargo” e que se trata dun “pacto de silencio” para evitar as críticas do PP ao PSOE e do PSOE ao PP. “É un pacto puramente electoralista”, afirmou.

En oposición á portavoz socialista, que na súa intervención repetiu que os orzamentos aprobados hoxe son os máis sociais da historia da cidade, Iolanda Veloso achegou varios datos. Por un lado a voceira nacionalista destacou que supoñen unha baixada de 700.000 euros nos convenios de emprego, pero ademais subliñou que baixan 1,2 millóns en axudas directas, “en axudas para comer, señores do partido socialista e do Partido Popular”.

A voceira nacionalista tamén fixo referencia á incapacidade do goberno local para dar un uso social ás dúas vivendas municipais de Navia, que deberían destinarse a persoas desafiuzadas con discapacidade. “O alcalde prefire ter a familias desesperadas á porta da alcaldía para darlles axudas graciosamente e facerse a foro e non porque teñan dereito”, denunciou.

Desatención de políticas públicas

Por outro lado, Iolanda Veloso criticou que precisamente o pacto entre PP e PSOE é o que expulsa á veciñanza de Teis do centro cívico. “O goberno traballa desde o Concello como unha promotora inmobiliaria e unha axencia de viaxes, e mentres desatende as políticas públicas”, criticou, poñendo como exemplo o bonobús para persoas desempregadas. “Pero non vou facer comparacións con outras cidades como Ourense”, comentou ironicamente por ser esta a cidade na que o alcalde socialista si instaurou esta tarxeta social.

“Estes orzamentos recortan en emprego e en servizos sociais e son o resultado dun pacto entre dúas forzas que deciden aplicar políticas neoliberais e de dereitas”, aseverou a portavoz municipal do BNG, quen considerou que a PP e PSOE “vergonza debería darlles aliarse por obxectivos unicamente electoralistas”.

Dereito a falar

Perante a actitude irrespectuosa mantida polo grupo de goberno durante a súa intervención, Iolanda Veloso destacou que as 27 persoas que conforman a corporación municipal “fomos democraticamente elixidos, polo que temos dereito a falar”. Ao respecto apuntou que “non é sorpresa que nun pleno á búlgara teñan esta actitude despois do incumprimento sistemático dos acordos plenarios”.

 

O BNG rexeita o orzamento dos recortes acordado polos monárquicos PSOE e PP nun “pacto vergonzoso"