Carme Adán reclama novamente que o goberno traballe para manter a World Fishing en Vigo

Carme Adán reclama novamente que o goberno traballe para manter a World Fishing en Vigo

En resposta ao BNG, o secretario xeral do Mar confirma non ter actuado para manter a World Fishing en Vigo

Carme AdánSantiago de Compostela, 18 de xuño de 2014.- En resposta a unha pregunta formulada hoxe na comisión de Pesca e Marisqueo pola nacionalista Carme Adán, o Secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro Cadillo recoñeceu que o Goberno galego non realizou ningunha xestión para manter en Vigo a Feira mundial da Pesca, “seguimos agardando que alguén, á iniciativa privada, dea un paso nesta dirección”, manifestou.

Ante a cancelación da edición do 2015 da Feira Mundial da Pesca que cada seis anos se celebra na cidade de Vigo, a parlamentaria do BNG reclamou do Goberno galego unha actuación clara para que a cidade olívica recupere a súa sede e a feira non acabe “no ano 2016 nun país asiático”.

Esta Feira Mundial de Pesca, explicou a nacionalista, ten unha grande importancia para a economía de Vigo e por extensión en toda Galiza. Chegou a congregar a máis de corenta máximos responsábeis ministeriais da Pesca a nivel mundial, o que se deu en denominar a conferencia internacional de Ministros/as de Pesca. Teñen acudido responsábeis da FAO, expertos/as en materia pesqueira e empresas do sector.

“Ninguén dúbida que representa o punto de referencia mundial para todos os axentes implicados na industria da pesca e de grande interese para o sector naval”, destacou Adán, ao tempo que lembrou que na última Feira do ano 2009 estiveron presentes 800 empresas de 51 países e foi visitada por máis de 70.000 persoas.

A deputada nacionalista recordou que a World Fishing Exhibition naceu en Londres, “esa foi a súa sede ata que en 1973 foi trasladada a Vigo” comentou, e a partir de 1985 sempre se organizou en Galiza con gran incidencia nos sectores mar-industria, comercial e hostaleiro.

Para Carme Adán, “nun momento de elevado desemprego é un dislate renunciar a un evento de tal magnitude e proxección internacional”, polo que volveu reclamar do Goberno galego iniciar as xestións necesarias para que a Feira Mundial da Pesca continúe coa sede en Vigo.

 

Carme Adán reclama novamente que o goberno traballe para manter a World Fishing en Vigo