Iolanda Veloso subliña a oposición do BNG á aplicación do decreto Wert na Universidade de Vigo

Iolanda Veloso subliña a oposición do BNG á aplicación do decreto Wert na Universidade de Vigo

A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, manifestou a rotunda oposición do Bloque á aplicación da LOMCE na Universidade de Vigo, aprobada hoxe a porta pechada. Segundo denunciou a nacionalista, este decreto baseado en recortes e que supón o despedimento de arredor de 300 profesores asociados “implica claramente o detrimento na calidade do ensino público superior”.

“Hai que garantir un ensino superior de calidade para todo o alumnado, obxectivo que evidentemente non se consigue aplicando estes recortes”, subliñou Iolanda Veloso, quen trasladou o apoio do BNG ao profesorado, traballadores e alumnado da Universidade viguesa que levan días protestando contra a aplicación do decreto.

A portavoz nacionalista criticou que unha institución pública como a Universidade de vigo aplique unha lei formulada polo goberno central que supón a eliminación de postos de traballo. Neste sentido, explicou que o despedimento de case 300 profesores e profesoras ten como consecuencia directa a reorganización docente, co conseguinte aumento do número de horas lectivas, a masificación das aulas e a baixada de tempo para investigar. “Así é imposible garantir un ensino público de calidade”, comentou Iolanda Veloso ao respecto.

Falta de diálogo

Iolanda Veloso condenou asemade que o Consello de Goberno se celebrara hoxe a porta pechada, garantindo a súa celebración mediante seguridade privada e impedindo o acceso do estudantado e persoal administrativo, tal e como establece o regulamento universitario.

A responsable nacionalista criticou que se utilice esta fórmula para aprobar todos os puntos da orde do día do Consello e a “falta de diálogo coa comunidade universitaria, nunha situación tan grave como a que estamos atravesando nestes momentos”.

 

Iolanda Veloso subliña a oposición do BNG á aplicación do decreto Wert na Universidade de Vigo