Iolanda Veloso subliña que o peche do polideportivo de Candeán amosa a ineficacia do goberno local"
A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, asegurou que o peche do polideportivo de Candeán tras dous anos construido amosa a ineficacia do goberno vigués. A nacionalista así o salientou na visita que o grupo municipal realizou a esta parroquia viguesa e na que mantivo un encontro coa directiva e diversos integrantes da Asociación Veciñal de Candeán.
Non entendemos a que se dedica o goberno local, manifestou Iolanda Veloso nas inmediacións do pavillón e da zona deportiva ao aire libre, que permanecen valados. Podemos ver que o polideportivo está rematado e quedou listo hai dous anos despois de facer un investimento de arredor de 2 millóns de euros. É outro claro exemplo de ineficacia, engadiu.
A portavoz municipal do BNG lembrou que o concelleiro Xabier Alonso fixo unha intervención no pleno para preguntar cando se abrirían estas instalacións deportivas. A resposta foi un espazo de tempo tan vago como 'inmediatamente', igual que en setembro e que hai dous anos, sinalou.
Convenio Xunta-Concello
Queremos que das bastantes ideas que ten o alcalde rescate algunha para abrir este polideportivo, demandou Veloso. A nacionalista recordou asemade que a construción deste pavillón foi froito dun convenio entre a Xunta e o Concello de Vigo cando o BNG tiña responsabilidades no goberno galego, en concreto na Secretaría Xeral para o Deporte.
Iolanda Veloso destacou ao respecto que nós cumprimos a nosa parte, tal e como se pode comprobar. Porén criticou que tras o cambio de goberno na Xunta, despois de 5 anos seguimos agardando que a Xunta cumpra a súa parte do convenio, que é a remodelación das pistas de atletismo.
Falta de interlocución coa veciñanza
A portavoz nacionalista tamén salientou a vontade do grupo municipal do BNG de falar con representes da Asociación Veciñal de Candeán, como é a tónica habitual. Neste sentido calificou de gravísima a falta de interlocución do goberno local coas entidades veciñais. Precisamente ao respecto, a presidenta desta entidade, Carme Martínez, demandou unha maior comunicación sobre os motivos polos que non se abren as instalacións.