Iolanda Veloso expresa o apoio do BNG ás reivindicacións dos afectados de Bautista Administradores
Tras a xuntanza mantida co representante das persoas e comunidades de propietarios afectadas pola estafa de Bautista Administradores, a portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, expresou o apoio do BNG ás reivindicacións deste colectivo. Manifestou asemade a necesidade de que se axilice o proceso para solucionar o problema.
Entendemos que estas persoas precisan o apoio de toda a cidadanía, salientou Iolanda Veloso, quen recolleu a demanda do colectivo para que no pleno se aprobe unha moción conxunta instando ás administracións que poidan estar implicadas na tramitación xurídica para que se axilice o proceso.
A portavoz municipal do BNG explicou que o representante dos afectados trasladou que son moitas as persoas e comunidades afectadas na estafa polo administrador, deixándoos endebedados. Apoiamos todos os actos públicos que convoque este colectivo, sinalou a nacionalista.