Jorquera comprométese a revisar a concesión do novo hospital

Jorquera comprométese a revisar a concesión do novo hospital

 

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, comprometeuse hoxe coa plataforma SOS Sanidade Pública a que unha das primeiras medidas no goberno será revisar a concesión do novo hospital de Vigo, por ser a principal constatación de que o modelo de financiamento público privado elixido polo PP só trae consigo incrementar o seu custe.

Jorquera, que mantivo un breve encontro con representantes da plataforma durante un reparto nas portas de consultas externas do hospital xeral de Vigo, lembrou que co canon se está a falar de triplicar o custe respecto do que suporía se o financiamento fora totalmente público.

O candidato nacionalista advertiu de que, ademais, a empresa concesionaria está vulnerando as condicións do contrato e os “remedios do señor Feijóo ante esta realidade son decretar que os vigueses se poden ir operar a Pontevedra”.

Jorquera denunciou que Vigo padece unhas listas de espera que superan a media do resto de cidades galegas e un total de 140.000 adscritos ao Sergas teñen que ser atendidos por un centro privado, “por iso mañá estarei participando na manifestación en defensa dunha sanidade pública, gratuita e universal, unha das prioridades do BNG”.

 

Jorquera comprométese a revisar a concesión do novo hospital