Miranda: “Queremos dicir non á Unión Europea que recorta dereitos e si á Europa das persoas”

Miranda: “Queremos dicir non á Unión Europea que recorta dereitos e si á Europa das persoas”

A candidata do BNG criticou a ineficacia de PP e PSOE perante a destrución de máis de 20.000 postos de traballo no naval e o desleixo co porto nodal

Ademais puxo en valor o traballo constante desenvolvido polo Bloque na defensa do saneamento da ría

O

Vigo, 9 de abril de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego presentou hoxe a súa candidatura ás eleccións europeas na zona peonil do emblemático barrio do Calvario, unha zona que a candidata Ana Miranda puxo como exemplo do modelo que defende o BNG como “cidade aberta á cidadanía”. “Queremos dicir non á especulación e si aos mercados de proximidade”, salientou.

En referencia ás graves consecuencias económicas da crise en Vigo, a candidata nacionalista mencionou os máis de 20.000 postos de traballo destruídos no sector naval, así como na pesca e nas industrias auxiliares. Tamén mencionou o peche de comercios, tanto no propio Calvario como noutros barrios da cidade. “Estas son as consecuencias da política do PP”, asegurou.

Fronte ao desleixo do PP e o PSOE na Eurocámara subliñou o traballo desenvolvido polo BNG en Bruxelas para lograr que o porto de Vigo acadase a consideración de porto nodal, ferramenta fundamental para a captación de fondos europeos. “Non estiveron á altura na defensa desta cidade”.

Miranda fixo fincapé na defensa en Bruxelas para completar o saneamento integral da ría de Vigo tanto desde o punto de vista medioambiental como económico. Neste sentido, o BNG propón utilizar unha parte dos fondos estruturais para financiar as infraestruturas necesarias para a recuperación integral da Ría, e dar resposta ás demandas dos vigueses e viguesas que levan décadas loitando por ese obxectivo.

As voces rebeldes en Europa

“Somos a forza que defende a toda a xente e formamos esta candidatura voces rebeldes”, salientou Ana Miranda en referencia ás outras persoas da comarca de Vigo que integran a candidatura, como Alberte Mera, responsable de Galiza Nova; Miriam Rodríguez, afectada polas preferentes do Baixo Miño; César Rodríguez, responsábel no naval da CIG en Vigo; Manuel Garcia Moreira, responsable da plataforma SOS Sanidade Pública; e Alba Fidalgo, activista social.

Nesta liña destacou que o BNG non vai calar perante a masiva emigración de xente moza, as 465.000 persoas que viven por debaixo do limiar da pobreza ou as 280.000 familias que están no desemprego.

“Queremos unha Galiza con futuro”, destacou, ao tempo que subliñou que o BNG di “NON á Unión Europea que recorta dereitos e que rescata á banca especulativa, mentres permite que esa mesma banca estafe aos aforradores e deixe as familias sen vivenda por non poder afrontar a hipoteca”.

O

Sanidade pública en risco de desaparición

O responsable da Plataforma SOS Sanidade Pública, Manuel Moreira, alertou do risco de desaparición que corre a sanidade pública “porque se está abrindo aos intereses do mercado”. Neste sentido puxo como exemplo o que acontece co novo hospital de Vigo, en tanto que a empresa construtora “fai negocio coa enfermidade das persoas”.

A representante da plataforma das preferentes do Baixo Miño, Miriam Rodríguez, explicou que é filla de afectados polas preferentes e de emigrantes retornados, pero tamén con sobriños que cada vez atopan “máis dificultades para recibir un ensino público de calidade en galego”.

O responsable de Galiza Nova, Alberte Mera, fixo un chamamento a loitar polos máis de 100.000 mozos e mozas expulsados do país polas políticas do Partido Popular, sendo o BNG a “voz da mocidade”. Ademais, considerou “inxusto que máis da metade da mocidade estea en paro”.

“O BNG fala en nome de todos os galegos en Europa”, destacou pola súa banda o responsábel no naval da CIG, César Rodríguez, quen sinalou que a destrución do sector naval nos últimos anos fai que “máis de 150 millóns de euros non podan reverter no comercio”.

A activista social Alba Fidalgo defendeu apoiar nas eleccións a quen defenda outro modelo de Europa, como é o BNG, “para construír unha Galiza libre nunha Europa diferente”. Destacou ademais que “Galiza ten que ter unha voz galega en Europa”.

 

Miranda: “Queremos dicir non á Unión Europea que recorta dereitos e si á Europa das persoas”