O BNG denuncia a redución de cartos en emprego e servizos sociais no orzamento pactado por PP e PSOE
O Bloque vigués critica que no documento desaparecen as partidas destinadas ao bonotaxi e Sereos pero se subvencionan voos
Iolanda Veloso: Está claro que o alcalde non quere utilizar cartos públicos para atender as necesidades da cidadanía"
Vigo, 8 de abril de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, e os concelleiros Santi Domínguez e Xabier Alonso, fixeron unha análise dos orzamentos municipais para 2014 pactados por PP e PSOE. A día de hoxe seguimos sen coñecer o pacto pola falta de transparencia de populares e socialistas pero si sabemos que están moi lonxe de ser os máis sociais da historia, salientou a voceira nacionalista.
Para nós hai dous eixos fundamentais, como son a creación de emprego e os servizos sociais, e por iso en 2013 presentamos emendas referidas a estes aspectos, lembrou Iolanda Veloso, quen criticou que neste 2014 esas melloras desapareceron. Ao seu xuizo, está claro que o alcalde non quere utilizar cartos públicos para atender ás necesidades da cidadanía e por iso pacta co PP.
Segundo destacou a voceira do Bloque, nun momento no que a situación de Vigo é moi grave e no que os recortes son continuados con estes orzamentos o Concello de Vigo non vai dar resposta ás necesidades da cidade. En consecuencia, asegurou que non podemos valorar estes orzamentos como positivos para a cidade e destacou precisamente os casos de emprego e servizos sociais.
Descenso de 700.000 euros nos convenios para emprego
No tocante a emprego, Xabier Alonso recordou que na última enquisa do CIS o 82% das persoas enquisadas consideraron o desemprego como a súa primeira preocupación. Pola contra, o acordo orzamentario entre PP e PSOE provocou a redución de 700.000 euros dos convenios de emprego e diferentes programas de axuda, ao pasar de 2,8 a 2,1 millóns. Isto é o que fan PP e PSOE co maior problema que ten a cidadanía, criticou o concelleiro do BNG, quen concluíu que nin un nin outro queren que se destinen cartos para paliar o desemprego.
Vou demostrar que dicir que estes orzamentos son os máis sociais é falso, subliñou pola súa banda Santi Domínguez a respecto dos servizos sociais. Neste sentido salientou que en canto ás persoas a calidade de vida dos vigueses e viguesas o PP e o PSOE non fixeron absolutamente nada, posto que outras eran as súas prioridades.
Diminución de 1,2 millóns no cheque social
En concreto, o edil nacionalista destacou que nos orzamentos de 2013 o BNG insistiu en que era necesario atender ás persoas que non tiñan que comer e conseguiu que destinaran 3,2 a esas familias a través de diversas partidas como a do plan de compensación contra a crise. Pola contra para 2014 estas partidas suman 2 millóns. Dun 'plumazo' PP e PSOE quitan 1,2 millóns ás familias máis necesitadas.
Santi Domínguez destacou asemade que a partida correspondente a Sereos non aparece reflectida nos orzamentos, ao igual que a do bonotaxi. Desta forma, as persoas con mobilidade reducida non poderán acceder ao transporte ao mesmo prezo que calquera de nós, denunciou.
Non temos bonobús nin bonotaxi, pero si subvencións a voos ou a viaxes a Londres, ademais de aumentar a partida dun servizo competencia da Xunta como é a teleasistencia, criticou Iolanda Veloso. Debe ser que cando fala, o alcalde esquece o contido dos orzamentos que pactou co PP, ironizou a voceira nacionalista, ao tempo que acusou a PP e PSOE de tentar vender o acordo en beneficio propio pero non en beneficio da cidadanía.