O BNG pide a devolución dos orzamentos e reclama 10 millóns máis para emprego e servizos sociais

O BNG pide a devolución dos orzamentos e reclama 10 millóns máis para emprego e servizos sociais

Iolanda Veloso destaca que se deben eliminar partidas que supoñen asumir gastos competencia doutras administracións e gastos de publicidade

OLYMPUS DIGITAL CAMERAVigo, 11 de abril de 2014.- A portavoz municipal nacionalista, Iolanda Veloso, subliñou que o BNG presenta unha emenda á totalidade dos orzamentos para 2014 e pide a devolución do proxecto “porque non responde ás prioridades dos vigueses e viguesas”. Ademais, o Bloque demanda o aumento de recursos para creación de emprego e á atención dos servizos sociais.

“Solicitamos que os orzamentos se volvan a elaborar atendendo aos criterios que non parecen prioritarios nestes momentos”, destacou a voceira do BNG. Neste sentido resaltou a necesidade de aumentar as partidas destinadas a crear emprego, “tendo en conta a actual situación de desemprego en Vigo, que nestes momentos alcanza o 22%”, apuntou.

No tocante ás partidas que o Bloque considera que se deben aumentar, Iolanda Veloso fixo referencia ás dedicadas a servizos sociais para atender ás familias con máis necesidades e que deben ser apoiadas por esta administración “para garantir os dereitos básicos á alimentación, o transporte ou a vivenda”.

“Entendemos que que resulta imprescindible realizar un esforzo para aumentar os recursos destinados á creación de emprego e servizos sociais nun total de 10 millóns de euros”, afirmou a voceira. Segundo explicou, estes recursos deberían obterse da “eliminación de gastos que non se corresponden coas competencias municipais, gastos en propaganda ou que reportan beneficios unicamente a empresas privadas”.

Eliminación de gastos

Neste sentido, Iolanda Veloso, explicou que deberían eliminarse partidas destinadas a aumentar os beneficios de empresas privadas, como as compañías aéreas. Tamén defendeu a diminución das partidas destinadas a propaganda e publicidade, deixando unicamente “as que garantan as tarefas obrigatorias de sensibilización e de difusión dos servizos prestados por este concello”.

Ao respecto lembrou que en xullo do ano pasado o BNG presentara unha moción pedindo ao goberno que presentara un plan anual de publicidade, así como a presentación dunha memoria de gastos realizados de publicidade e propaganda. Esta iniciativa foi aprobada co apoio do PP e a abstención do PSOE.

“Como xa fixemos o ano pasado, eliminariamos partidas das subvencións ás compañías aéreas, proxectos de alcaldía, publicidade e estudos técnicos que se utilizan practicamente para labores propagandísticas de alcaldía”, subliñou a portavoz do BNG, quen defendeu tamén a pertinencia de eliminar as partidas destinadas a cubrir competencias doutras administracións, ben sexa o Estado, a Xunta ou a Deputación de Pontevedra. “

Asumidas as políticas do PP

“Queremos que os orzamentos se elaboren de novo atendendo a estes criterios”, manifestou Iolanda Veloso, quen asegurou que “por moitas voltas que lles deamos á documento, tanto o primeiro proxecto como o segundo elaborado tras negociar co PP, comprobamos que non atende ás necesidades dos vigueses e viguesas”. Salientou que no BNG “utilizariamos esas partidas para solventar as prioridades de agora mesmo”.

Segundo criticou a portavoz nacionalista, estes orzamentos supoñen a “asunción efectiva das políticas do PP”. Neste sentido puxo como exemplo que nos orzamentos de 2013 se incluíron partidas para novas escolas infantís “porque o reclamou o BNG”, mentres que, pola contra, no documento de 2014 “non hai investimentos para unha soa escola infantil e se continúan coas humanizacións no centro da cidade”.

 

O BNG pide a devolución dos orzamentos e reclama 10 millóns máis para emprego e servizos sociais