Otero: É inadmisible a precarización das condicións laborais causada por PP e PSOE
O candidato nacionalista participou na concentración dos traballadores das subcontratas de Telefónica, en folga desde o día 14 de abril
Vigo, 22 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, trasladou o apoio do Bloque ao traballadores en folga das distintas empresas subcontratadas por Telefónica-Movistar para realizar o traballo técnico de instalación de redes e telefonía en protesta pola precarización das súas condicións laborais. Otero subliñou a necesidade de incluír cláusulas sociais na contratación municipal e nos pregos de condicións dos servizos concesionados para evitar o empeoramento das condicións laborais.
Esiximos que se implique a consellería de Traballo e a Inspección de Traballo para que se poida traballar dignamente, destacou Serafín Otero, quen advertiu que a precariedade dos traballadores de Telefónica Movistar é similar á que poden ter os traballadores das concesións públicas nos Concellos se non somos capaces de incluír cláusulas laborais que digan que todos os traballadores que fan servizos públicos teñen que ter unhas condicións dignas.
O candidato nacionalista subliñou que esta medida é un dos aspectos fundamentais do programa do Bloque en materia de emprego que imos esixir nos próximos 4 anos no Concello de Vigo para que todas as empresas que dependan de traballo público os traballadores e traballadoras non sexan explotados.
Serafín Otero criticou que esta situación é unha clara consecuencia dos distintos recortes do Partido Popular e do PSOE e da privatización dos servizos públicos, así como da desregularización das condicións laborais dos traballadores e traballadoras. Ao seu xuízo esta precarización do emprego só beneficia a uns poucos, que son os grandes especuladores. É inadmisible, asegurou.
Salario de 700 euros
Cando se privatizou Telefónica todos e todas eramos conscientes de que ao final se daría esta situación, na que os traballadores están a traballar nunha situación totalmente precaria, denunciou o candidato nacionalista, xa que segundo explicou mentres Telefónica obtivo uns beneficios no 2014 de 3.000 millóns de euros aquí temos traballadores que traballando 12 horas diarias levan un salario mensual de 700 euros.
Estas son as políticas do Partido Popular, pero tamén as do Partido Socialista, dixo Otero, lembrando que os dous foron responsables coa posta en marcha de dúas reformas laborais, unha 2010 (PSOE) e outra no 2012 (PP) que afectaron moi seriamente ás condicións laborais dos traballadores e traballadoras.
Un dos traballadores de Montelnor, Basilio Albitúa, salientou que coa folga protestan pola explotación á que están sometidos, o aumento das xornadas laborais, o encargo de traballos que non lles corresponden e incluso a realización de traballos gratuitamente. Explicou asemade que a súa protesta ten repercusión estatal, ao afectar directamente a Telefónica.
Segundo comentou na área de Vigo hai arredor de 400 traballadores afectados, que teñen contratos variados, tanto fixos como eventuais. Reivindicamos que todos os compañeiros teñamos as mesmas condicións e que non vexamos que un compañeiro por estar nunha subcontrata teña diferentes condicións de traballo que noutra empresa, destacou.
En resposta aos medios tamén sinalou que o convenio polo que se rexe o colectivo é o do metal pero as empresas non o aplican desde hai moitos anos, denunciou, polo que sen cobrar o salario legal que fixa este convenio, as condicións son cada vez peores até que non podemos máis.