Serafín Otero comprométese a aumentar o gasto social por habitante e diminuír un 15% a pobreza

Serafín Otero comprométese a aumentar o gasto social por habitante e diminuír un 15% a pobreza

O candidato nacionalista mantivo unha xuntanza con representantes da Rede Galega de Loita contra a Pobreza, ante os que anunciou que dimitirá se é elixido alcalde e non cumpre os seus compromisos

 

xuntanza rede galega contra pobrezaVigo, 23 de abril de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, asinou o “Compromiso coas persoas” a proposta da Rede Galega de Loita contra a Pobreza, polo que se compromete a traballar para erradicar a pobreza. Neste sentido Otero expresou o seu compromiso a aumentar o gasto municipal en servizos sociais en 44 euros por habitante e diminuír a pobreza nun 15%.

“Non pode ser que o Concello de Vigo sexa un dos que menos inviste en servizos sociais”, subliñou Serafín Otero, ao tempo que explicou que o investimento do Concello de Vigo está en 66 euros por habitante, cando a media galega está en 110 euros por habitante. Neste sentido apuntou que un dos compromisos que pide a Rede consiste en que o aumento de investimento chegue a 160 euros/habitante, ou cando menos aos 110 euros de media.

O candidato nacionalista salientou que outro dos compromisos presentados pola Rede no marco da campaña “Compromiso coas persoas” consiste en que os políticos que non sexan quen de erradicar a pobreza nun 15% e que non sexan capaces de enfrontarse a esa situación presenten a súa dimisión.

xuntanza rede galega contra pobreza 2“Eu quero anunciar hoxe aquí que se o BNG goberna esta cidade, e eu non son capaz de erradicar a pobreza nun 15% na nosa cidade, eu me comprometo publicamente a presentar a miña dimisión, irme para casa e que entre outra persoa que estea máis capacitada”, asegurou Otero ao respecto.

Aumento do orzamento

Preguntado polas dificultades orzamentarias de incrementar o gasto social en Vigo até os 160 euros por habitante, ao supoñer aumentar o presuposto aos 30 millóns de euros, Serafín Otero explicou que “significaría que teriamos que gastar menos noutras cousas”.

Neste sentido o candidato do Bloque puxo como exemplo as humanización dos últimos meses. “Nos entendiamos que non era tan importante esta propaganda que se está a facer neste último mes, levantando toda a cidade e entendiamos que había que mellorar partidas en benestar social”, destacou, ao tempo que engadiu que o BNG tamén entendía “que non tiñamos que subvencionar voos”. “Entendiamos que había que mellorar a situación social das persoas, que nos parece o máis importante nesta cidade aínda que hai xente que non o quere ver”, salientou.

Serafín Otero sinalou que no encontro intercambiaron impresións sobre a situación actual na cidade, que a cualificou de “bastante complicada”, debido a que a taxa de desemprego do 22% provoca que as cifras de pobreza e de exclusión social sexan cada vez máis altas.

Ao respecto afirmou que para o BNG é prioritario executar medidas urxentes para paliar esta situación. Así entre elas na xuntanza citou o aumento das partidas de benestar social “até o máximo posible”, que as persoas en situación de desemprego de longa duración poidan utilizar o autobús urbano xeito gratuíto; incrementar as bolsas para libros e comedores escolares.

“Tamén queremos que o Concello teña un plan municipal de vivenda”, salientou Otero, de forma que toda a xente que está en situación de exclusión social “poida acceder a vivenda de aluguer asequible”. Asemade, o BNG defende que o Concello corra a cargo do gasto farmacolóxico das persoas que están en situación de exclusión social e padecen unha enfermidade crónica.

No tocante ao desemprego defendeu potenciar os sectores produtivos e que o emprego das empresas que traballan para o Concello sexa un emprego digno e no que non haxa recortes nos dereitos laborais, implantando cláusulas sociais na contratación pública.

 

Serafín Otero comprométese a aumentar o gasto social por habitante e diminuír un 15% a pobreza