O pleno aproba a moción do BNG que reclama ao goberno local que cumpra os acordos plenarios

O pleno aproba a moción do BNG que reclama ao goberno local que cumpra os acordos plenarios

Iolanda Veloso: “O pacto entre PP e PSOE vai facer chorar á cidadanía viguesa porque o PSOE renuncia a reclamar os dereitos dos vigueses”

 

OLYMPUS DIGITAL CAMERAVigo, 28 de abril de 2014.- O Bloque acadou o respaldo do pleno, cos votos a favor de BNG e PP e a abstención do PSOE, para instar ao goberno local a “facer efectivo o cumprimento dos acordos plenarios acadados por respecto ao funcionamento democrático e á cidadanía viguesa”. A presentación dun plan de publicidade anual, a apertura do local para prestar o servizo de Sereos e a posta en marcha do bonobús para desempregados de longa duración e sen recursos son os tres exemplos que citou a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, de propostas aprobadas no pleno e incumpridas polo goberno vigués.

Para a voceira nacionalista, estes tres casos son exemplos claros de “falta de respecto do alcalde á democracia, quen tamén fixo referencia á “resistencia do PSOE” para asumir outras propostas feitas polo Bloque nos pasados exercicios, como son o plan de emprego e o plan de compensación contra a crise.

“Aquí hai dous partidos que chegaron a un acordo non para defender a sanidade e a educación públicas, o dereito á vivenda ou o transporte, senón para subvencionar billetes de avión e facer as acometidas a un hospital privatizado”, contestou Iolanda Veloso ás intervencións dos portavoces popular e socialista.

Precisamente en resposta ao representante do PSOE, quen asegurou que no vindeiro pleno, no que se aprobarán os orzamentos municipais, o acordo 'vai facer chorar ao BNG', Iolanda Veloso subliñou que “o pacto vai facer chorar, pero non ao BNG, senón á cidadanía, porque o PSOE renunciou reclamar os dereitos dos vigueses e as viguesas”.

OLYMPUS DIGITAL CAMERAOposición á unidade de lesionados medulares

Neste sentido, a portavoz do BNG referiuse ás mocións debatidas con anterioridade, nas que PSOE e PP rexeitaron as emendas formuladas polo Bloque a diversas iniciativas de populares e socialistas. Por un lado, o PP rexeitou, co beneplácito do PSOE, a emenda presentada polo BNG para que Vigo conte cunha nova unidade de lesionados medulares no novo hospital.

“Como é posible que en Galiza só haxa unha unidade de lesionados medulares e digan que abrir unha nova reduciría a calidade asistencial cando aquí hai a maior prevalencia de afectados?”, cuestionou Santi Domínguez. Ao respecto, o concelleiro nacionalista salientou que a demanda nacionalista é a mesma que a formulada no 2008 polo deputado popular Miguel Santalices. Pese a isto, o PP rexeitou a proposta do BNG de que o novo hospital estea dotado cunha nova unidade de lesionados medulares, polo que o Bloque se abstivo na votación.

Oposición a que Xustiza manteña o partido xudicial de Vigo

Por outro lado, o PSOE rexeitou unha emenda do BNG a unha moción socialista para instar ao ministerio de Xustiza a manter o partido xudicial de Vigo. Ao respecto, Xabier Alonso lembrou que no pleno do mes pasado foi o Bloque que introduciu unha emenda na defensa do partido xudicial vigués, proposta que foi aprobada por unanimidade.

OLYMPUS DIGITAL CAMERAPorén, segundo o edil do Bloque a moción do PSOE non contén “unha defensa clara do partido xudicial vigués e introduce elementos que permiten a saída do ministro Gallardón”. Ao seu xuízo, o concello de Vigo “ten que sumarse á reivindicación unánime da cidade” para que o goberno do Estado manteña o partido xudicial. Nesta moción PP e PSOE votaron a favor da moción socialista mentres que o BNG votou en contra.

Oposición a respectar o PXOM en Samil

O grupo popular tamén rexeitou unha emenda proposta polo BNG na que instaba ao goberno local a respectar o PXOM en Samil e paralizar a adxudicación de novas concesións administrativas na praia mentres a comisión de estudo proposta polos populares non emita as súas conclusións.

Ao respecto, Iolanda Veloso lembrou que o Bloque presentou unha pregunta sobre o futuro do Jonathan “que non tivo resposta por parte do goberno municipal, algo ao que xa nos está acostumando”. Comentou a sorpresa e a incongruencia de que este local de ocio saia a concurso mentres executou o derrubo de As Dornas e subliñou que o feito de este establecemento obteña unha nova concesión supón “unha condena de moitos anos á praia de Samil” e un retroceso na recuperación das praias viguesas.

 

O pleno aproba a moción do BNG que reclama ao goberno local que cumpra os acordos plenarios