Iolanda Veloso: Denunciamos que o alcalde confirmou a aplicación das políticas de recortes do PP"
A portavoz municipal critica que o Consello Social non serviu para aclarar o escurantismo do pacto entre populares e socialistas
Vigo, 30 de abril de 2014.- A portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, salientou que para pouco serviu o Consello Social celebrado esta tarde. Ao seu xuízo o único que quedou claro no CS foi que o alcalde conformou que segue adiante coas políticas de recortes que aplica o Partido Popular nas administracións nas que goberna, en referencia á diminución da partida do convenio para crear emprego e as correspondentes a servizos sociais.
Segundo manifestou a voceira nacionalista, é lamentable que o alcalde demostre unha vez máis que non lle importan as persoas que máis sofren as consecuencias da crise ao asumir as políticas dos populares. Igualmente considerouno lamentable porque esas políticas arrasan coas persoas que teñen menos posibilidades de reclamar e protexer os seus dereitos.
O PP de Vigo é o mesmo Partido Popular que no goberno da Xunta e no goberno do Estado aplican políticas terriblemente inhumanas, por iso é incomprensible que o PSOE pacte co PP, denunciou Iolanda Veloso. Neste sentido destacou que o Consello Social tampouco serviu para aclarar o por que do pacto, que cualificou de escurantista e falto de transparencia. Aínda non vimos o documento que recolle os acordos, engadiu.
Eludir responsabilidades
A portavoz municipal do BNG asegurou que mesmo para a cidadanía resulta incomprensible que PP e PSOE cheguen a un acordo que non serve para atender as necesidades dos vigueses e viguesas. Segundo considerou este pacto escurantista só lles serve a eles mesmos para eludir as súas responsabilidades na crise que sofre a xente.
Doutro xeito non se entende que tanto os populares como socialistas falen continuamente da necesidade de superar as diferenzas ideolóxicas. Só así poden evitar falar das súas responsabilidades, concluíu. Neste sentido lembrou dous casos paradigmáticos de incumprimento de acordos plenarios por parte do goberno e que o PP non incluíu no acordo orzamentario: a apertura do local para Sereos e o bonobús para desempregados de longa duración sen recursos.