Grazas ao BNG a Deputación debaterá o compromiso para construír o centro cultural de Coia
Iolanda Veloso lembra que este centro é unha demanda histórica do barrio e que a súa construción está recollida nunha proposta de convenio entre o Concello e a entidade provincial
Vigo, 25 de abril de 2014.- A portavoz municipal do BNG e deputada provincial destacou que o compromiso para construír o centro cultural de Coia será tratado no vindeiro pleno da Deputación a instancias do grupo nacionalista. Segundo informa a deputada, a moción presentada polo BNG na comisión informativa celebrada hoxe só contou cos fotos favorables do Bloque, mentres que o grupo socialista e o popular se abstiveron.
Resulta moi curioso que o PSOE se abstivese na comisión informativa da Deputación de hoxe, posto que o deputado e concelleiro Santos Héctor asegurou que os compromisos adquiridos polo Concello de Vigo foran plenamente asumidos e que só faltaba que a Deputación de Pontevedra fixese o propio, explicou Iolanda Veloso en relación a pregunta formulada ao respecto polo BNG no pleno do mes de marzo.
A deputada nacionalista destaca que, en consonancia coas palabras formuladas nesa sesión plenaria por Santos Héctor, o BNG propón no seu documento que a Deputación asuma o compromiso adquirido fronte aos veciños e veciñas do barrio de Coia e polo tanto inicie todos os trámites necesarios para a construción do centro cultural no prazo de tempo máis breve posible.
Partida de 3,8 millóns
Iolanda Veloso explicou que PSOE e PP adquiriron un compromiso en 2011 perante a veciñanza de Coia a través da sinatura dunha proposta de convenio entre José Manuel Mariño, delegado da área de Urbanismo en representación do alcalde, e José Manuel Figueroa, en representación do presidente da Deputación de Pontevedra, e Emilio Suárez, en representación do Movemento cidadán O noso barrio.
Segundo consta nese documento, a administración local comprometíase a ceder á Deputación os terreos situados na Bouza, mentres que a administración provincial debería dotar dunha partida orzamentaria de 3,8 millóns para reconstruír o chamado Colexio Alemán. Asemade, a Deputación comprometíase a rematar a obra antes do 31 de agosto de 2012, pero o certo é que a día de hoxe as obras nin sequera comezaron, criticou a deputada nacionalista.