Rescate do novo hospital e axudas ás hipotecas, primeiras iniciativas do BNG parlamentar para Vigo
A deputada Carme Adán e o portavoz municipal do BNG, Santi Domínguez, explicaron este luns cales serán as principais liñas de actuación do grupo parlamentar nacionalista en Vigo. Anunciaron que ademais de potenciar a conexión entre o grupo municipal e o grupo parlamentar, o rescate do hospital que se está a contruir en terreos de Beade e Valadares e reclamar á Xunta que manteña as axudas ás hipotecas, constitúen as primeiras iniciativas que rexistrará o Bloque no Parlamento galego.
Carme Adán, tras ser reelixida deputada do BNG, comprometeuse a ser a voz clara das preocupacións que ten a cidadanía de Vigo e representar aos vigueses e viguesas no Parlamento galego. Neste sentido lembrou que Vigo é a cidade na que máis comercios se pechan, a cidade na que se inicia a privatización da sanidade e a cidade na que se perden unidades de ensino público.
A respecto do novo hospital de Vigo, a deputada nacionalista asegurou hai motivos máis que de sobra para que a Xunta revise a licitación de contrución do novo hospital de Vigo. Asegurou que os retrasos na construción do novo centro hospitalario, así como a modificación do proxecto son razóns de sobra para que a Xunta rescate o hospital.
Entendemos que debe ser un hospital público. Así o defendimos na anterior lexislatura, durante a campaña e así o seguiremos defendendo, subliñou. Carme Adán manifestou que o BNG quere ver cal vai ser a postura da nova Consellería de Sanidade ao respecto. Seguiremos este tema minuto a minuto porque está en perigo a sanidade pública, defendeu.
No tocante ás axudas ás persoas afectadas polas hipotecas, Carme Adán subliñou que dende o Bloque non se entende que haxa cartos para a banca mentres as persoas con renda baixa quedan sen hipoteca. Neste sentido demandou que a Xunta non mire para outro lado e dea resposta ás persoas que se atopan nesta situación.
Traballo coordinado
Santi Domínguez, pola súa banda, defendeu potenciar o traballo coordinado entre o grupo municipal e o grupo parlamentar. A oficina municipal estará dispoñible para recoller todas as iniciativas e así poder trasladalas ao Parlamento, avanzou.
O portavoz municioal nacionalista tamén especificou que o BNG retomará o contacto coa veciñanza nos barrios e parroquias, así como distintos colectivos sociais. Seguiremos rebelándonos contras as políticas do goberno de Feijóo se seguen na liña da anterior lexislatura, de recortes en educación e sanidade, e seguiremos instando desde o Concello para que esas políticas desaparezan, salientou.