Santi Domínguez: O voo Vigo-París é o exemplo de que non son necesarias as axudas ás aeroliñas"
O concelleiro nacionalista acusa ao goberno local de carecer de planificación turística e da parálise da Vigo Convention Bureau
Vigo, 7 de xuño de 2014.- O concelleiro do BNG, Santi Domínguez, felicitou en nome do Bloque á compañía Air France polo décimo aniversario do seu voo Vigo-París, que acaba de cumprirse. O edil subliñou que esta ruta é o claro exemplo de que non son necesarias as axudas empresas privadas cando hai unha boa planificación e se prima a racionalización dos recursos.
Santi Domínguez destacou que se unha aeroliña como Air France pode operar dez anos sen axudas o BNG se pregunta por que non pode acontecer o mesmo co resto das empresas e rutas. Ao seu xuízo, o problema radica en que a única política que desenvolve o goberno vigués está baseada en axudas, en lugar de facer unha planificación sostida no tempo co obxectivo claro de conseguir que Vigo sexa destino turístico.
Así, segundo o concelleiro do Bloque o goberno local carece dunha planificación turística axeitada para unha cidade como Vigo. Considera que esa planificación podería desenvolverse desde o Vigo Convention Bureau, pero fronte a iso denunciou que este organismo leva desaparecido case tres anos. Aquí temos unha mostra máis da falta de xestión e a ineficacia do goberno vigués, asegurou.
Coordinación entre administracións
Santi Domínguez lembrou que durante o goberno bipartito da Xunta e en colaboración coa concellería de Turismo, da que o BNG era titular, realizáronse en París dous actos de promoción deste traxecto. Isto indica que a liña a seguir consiste na coordinación entre administracións para promocionar a nosa cidade como destino, destacou.
Segundo subliñou o edil nacionalista, con ese traballo conxunto acadamos o obxectivo primordial: que a xente de fóra nos visite, quen criticou ademais que precisamente esta falta de visión global da necesidade de coordinación é unha das causas polas que Peinador non mellora as súas cifras.