Veloso destaca que non ser candidata en 2015 é unha decisión persoal pero seguirá "facendo politica"

Veloso destaca que non ser candidata en 2015 é unha decisión persoal pero seguirá "facendo politica"

A voceira nacionalista salienta que o BNG non ten cargos hereditarios e será a organización quen decida a candidatura das municipais do vindeiro ano

 

declaracións Iolanda Veloso candidaturaVigo, 9 de xuño de 2014.- ”A decisión de non presentarme ás próximas eleccións municipais é unha decisión persoal que teño tomada dende hai un tempo e xa comunicada á organización desde hai un tempo”, explicou a portavoz municipal do BNG, Iolanda Veloso, en resposta aos medios sobre as informacións publicadas onte e hoxe sobre a súa presencia na candidatura do Bloque ás municipais o vindeiro ano.

Iolanda Veloso subliñou que se trata dunha “decisión persoal”, tomada antes da campaña das eleccións europeas celebradas hai dúas semanas. “Non é en absoluto unha decisións froito dos resultados das europeas”, destacou ao tempo que sinalou que é unha persoa nova e que sempre tivo a súa profesión e non entende a política “ad eternum”.

“Non teño intención de aferrarme a un cargo e estar nel até a xubilación”, salientou na súa intervención, na que asegurou asemade que tras as eleccións de 2015 non ten ningunha intención de “continuar asumindo cargos institucionais”. A voceira nacionalista lembrou que o vindeiro ano fará oito anos que participa na política municipal xa que foi no 2007 cando Santi Domínguez lle ofreceu participar na candidatura do BNG ás municipais.

Recordou que aceptou e continuou un mandato máis, “pero cando este mandato remate quero desenvolver outras actividades profesionais”, asegurou. “Penso que vitalmente é moi san”, comentou. Precisamente en relación a esta forma de entender a vida política destacou que seguirá como militante no BNG, no que o traballo militante é tan importante, e como tal non deixará de facer política. Segundo subliñou, “a política exércese en todos os eidos da vida”.

Decisión sobre a candidatura

Preguntada pola súa opinión sobre a persoa ou persoas candidatas ao seu xuízo para ser cabeza de lista nas vindeiras eleccións municipais, Iolanda Veloso asegurou que non lle corresponde expresarse ao respecto. “No BNG non funcionamos así e non temos cargos hereditarios”, salientou.

Neste sentido explicou que do mesmo xeito que a organización é quen decidiu a candidatura en 2007 e 2011 “e decidiu que eu asumise o cargo de portavoz municipal, o organización decidirá a candidatura de 2015”, xa que “os tempos os ten que marcar a propia organización”.

 

Veloso destaca que non ser candidata en 2015 é unha decisión persoal pero seguirá "facendo politica"