Serafín Otero acusa ao Partido Popular de beneficiar á sanidade privada a base de recortar a pública
O candidato do BNG acusa ao alcalde de mudar a súa postura e traizoar o clamor popular que esixe un novo hospital totalmente público
Vigo, 4 de marzo de 2015.- O candidato do BNG á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, subliña que a política de recortes do goberno do que até hai uns días fixo parte Elena Muñoz é unha ameaza para a saúde pública, tal e como amosan as imaxes dos servizos de urxencias dos hospitais da cidade. Ao seu xuízo, a decisión de non reforzar con máis persoal como esixen os sindicatos só pode deberse ao interese por favorecer a sanidade privada.
Estamos a ver como cada poucos días os servizos de urxencias dos hospitais de Vigo fican colapsados pola falta de persoal. Esa é a sanidade do Partido Popular, con decenas de enfermos e enfermas amoreadas en corredores logo de agardar moitas horas, denuncia Serafín Otero.
Para o candidato nacionalista, pese aos enormes esforzos que están a facer os e as profesionais sanitarias para tentar que a falla de recursos teña o menor impacto posíbel na atención dos e das pacientes, temos unha sanidade con cada vez menos servizos, máis raquítica e sobre todo cada vez menos pública.
Xa que a candidata do PP xa está en plena campaña mediática, que vaia aos corredores das urxencias do Xeral ou do Meixoeiro, para que vexa en primeira persoa as consecuencias das súas políticas, instou Otero, quen recomendou ao Partido Popular que deixe de xogar coa saúde dos vigueses e viguesas.
Ineficacia do pacto PP-PSOE
Serafín Otero denuncia que o pacto mantido desde hai meses entre PP e PSOE non soluciona os graves problemas da cidade, como acontece no caso da sanidade. Subliña que a aposta do BNG segue sendo a favor da sanidade pública, universal, gratuíta e de calidade.
Pola contra, lamentou que o alcalde teña mudado a súa posición en relación ao novo hospital e traizoando o clamor cidadán que esixía un hospital cento por cento público. Neste sentido criticou que agora non teña reparos en colaborar co proxecto privatizador do PP, como demostran as obras de acceso.
Ao respecto destacou que esta é unha consecuencia máis do pacto entre PP e PSOE no eido municipal. Nós seguiremos firmes do lado dos moitos milleiros de viguesas e vigueses que en mobilizacións masivas dixeron non ao hospital de Feijóo que agora facilita Caballero", asegurou.