Vitoria Iglesias: “Cómpre que se recoñeza o traballo non remunerado que facemos as mulleres”

Vitoria Iglesias: “Cómpre que se recoñeza o traballo non remunerado que facemos as mulleres”

A candidata 2 do BNG ás municipais convidou a participar no acto que o Bloque celebrará o sábado no Calvario polo Día Internacional das Mulleres

 

presentación acto 7 marzo Vitoria IglesiasVigo, 5 de marzo de 2015.- A candidata 2 da lista do BNG ás municipais, Vitoria Iglesias, presentou o acto público que celebrará a formación nacionalista no Calvario o vindeiro sábado 7 de marzo ás 11 horas con motivo do Día Internacional das Mulleres baixo o lema “A forza do feminismo”. Ao respecto destacou a importancia do feminismo na transformación social e na loita pola igualdade non só desde o punto de vista histórico senón tamén na modificación da estrutura familiar.

Vitoria Iglesias explicou que o acto do vindeiro sábado combinará unha parte política de presentación de propostas e outra de aspecto lúdico, na que se porá en valor o mundo literario e a poesía mediante a lectura de textos. Así, ademais da propia candidata do Bloque, participarán a portavoz municipal, Iolanda Veloso; as deputadas Carme Adán e Olaia F. Davila; e as escritoras Rosa Martínez, Cruz Martínez e Marta da Costa. “Asemade estará aberto a todas as persoas que queiran participar”, destacou.

Na súa intervención, a candidata nacionalista resaltou a necesidade de que a sociedade recoñeza o traballo non remunerado feito por mulleres, fundamentalmente centrado na reprodución e no coidado. “Precisamente faremos o acto polo Día Internacional das Mulleres nunha zona peonil no que hai moitas mulleres facendo o seu traballo de coidadoras, tanto coas súas crianzas como coas persoas maiores”, apuntou Iglesias.

acto 7 de marzoMedidas necesarias

“É fundamental o traballo das mulleres que non teñen salario”, destacou Vitoria Iglesias, quen preguntadas polos medios ao respecto considerou que son necesarias aplicar tres medidas para que o recoñecemento deste traballo se faga efectivo.

Por un lado referiuse ao ámbito empresarial, e á necesidade de que recoñezan a necesidade do traballo reprodutivo e que o teñan en conta á hora de confeccionar os horarios. A respecto das institucións subliñou a necesidade de crear máis servizos, e non recortándoos, como escolas infantís ou centros de días. Por último, fixo fincapé en que cómpre impulsar a corresponsabilidade entre homes e mulleres. “Non é de recibo que teñan que ser só as mulleres as que se ocupen das tarefas do coidado”, manifestou.

 

Vitoria Iglesias: “Cómpre que se recoñeza o traballo non remunerado que facemos as mulleres”