Otero: “O domingo Vigo escollerá entre quen vende pisos públicos ou quen defende vivenda social"

Otero: “O domingo Vigo escollerá entre quen vende pisos públicos ou quen defende vivenda social"

O candidato do Bloque á alcaldía fixo un chamamento ao votos das persoas indecisas para que o cambio na cidade sexa posible

Manuel G. Moreira explicou as principais propostas nacionalistas en política social e destacou que o Concello ten que contribuír a evitar os lanzamentos

 

propostas vivendaVigo, 22 de maio de 2015.- O cabeza de lista do BNG – Asembleas Abertas, Serafín Otero, deu “a voz de alarma as persoas da nosa cidade que neste momento aínda non teñen decidido o voto”, para que poñan na balanza por unha lado a quen defenden máis e mellores servizos sociais, como é o Bloque, fronte a quen decide vender patrimonio municipal, neste caso pisos públicos, e facer recortes, como son os partidos socialista e popular

“Hai que facer da vivenda unha prioridade e que non se utilice o patrimonio municipal para un negocio inmobiliario”, criticou o candidato nacionalista en referencia aos pisos da rúa República Arxentina propiedade do Concello e vendidos polo goberno municipal.

Neste sentido destacou que no primeiro trimestre do ano foron desafiuzadas 170 familias, “pese a que o alcalde di constantemente que non hai ningún e era bo que se fixara nas estatísticas”, denunciou nunha comparecencia diante dun dos portais no que se ubican algunhas das vivendas vendidas.

Segundo subliñou, diante dos problemas de acceso á vivenda que existen en Vigo, con máis 32.000 persoas desempregadas, na que os problemas sociais son cada vez maiores, desde o Concello hai que poñer medidas “enriba da mesa” para dar resposta ás necesidades das persoas, como as que ten o BNG.

Parque de vivendas de aluguer

“Desde o BNG apostamos claramente por que se faga unha política de vivenda desde o Concello”, asegurou Manuel G. Moreira nesta liña. Entre as propostas que citou figura a posta en marcha dun plan de vivenda a oito anos vista, que serva para facilitar un aloxamento digno e barato ás persoas con máis dificultade de accesibilidade, pero tamén porque “necesitamos garantir a función residencial do parque de vivenda existente”, particularmente naqueles espazos máis deteriorados da nosa cidade.

Salientou asemade a necesidade de crear un parque publico de vivendas de aluguer, mediante recursos propios e acordos co sector privado, “para garantir que as 18.500 vivendas que están desocupadas poidan ser accesibles á cidadanía que o necesite e a un prezo social relacionado cos ingresos de cada persoa” e ao mesmo tempo aumentando os impostos municipais para aquelas vivendas desocupadas por máis de catro meses.

“Pensamos que é moi importante na situación de crise que nos atopamos que o Concello dedique unha parte da vivenda propiedade do Concello as emerxencias”, afirmou o candidato nacionalista, porque segundo considerou, con 18.500 vivendas baleiras “ningunha persoa pode quedar sen vivenda”.

Ao respecto sinalou que unha das medidas que propón o Bloque consiste en impulsar medidas de apoio ás persoas en risco de ser desafiuzadas e que o Concello “non estableza acordos coas entidades bancarias que executan desafiuzamentos”.

Aumento das axudas de emerxencia

“Na situación económica que atravesa a nosa cidade é imprescindible incrementar as axudas de emerxencia social”, subliñou Moreira, quen defendeu que o concello debe facilitar ás persoas con situación máis desfavorecida o seu acceso non só á vivenda, senón tamén ao transporte, ao abastecemento e saneamento, ao combate contra a pobreza enerxética, á educación e á cultura.

Asemade subliñou a necesidade de aumentar o cheque social até cubrir o 100% da demanda e apostar decididamente polos programas contra a exclusión social. Neste sentido mencionou que dotar dun local en condicións para o desenvolvemento do programa Sereos é unha das propostas defendidas polo Bloque.

 

Otero: “O domingo Vigo escollerá entre quen vende pisos públicos ou quen defende vivenda social"