Serafín Otero comprométese a iniciar a remunicipalización da auga nos próximos catro anos

Serafín Otero comprométese a iniciar a remunicipalización da auga nos próximos catro anos

O candidato nacionalista denunciou a negativa do goberno local a permitir ao BNG visitar as instalacións da ETAP do Casal

 

declaracións servizo augaVigo, 5 de maio de 2015.- O candidato do BNG – Asembleas Abertas á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, detallou a proposta da remunicipalización do servizo de auga, e comprometeuse a iniciar o proceso durante os próximos catro anos e a modificar o seu recibo. Explicou que a convocatoria realizouse diante da oficina da rúa Venezuela tras “a prohibición do goberno municipal de convocar aos medios de comunicación nunha visita á ETAP do Casal, tal e como a solicitamos”.

“Defendemos que é un servizo que ten que ser eficaz e sostible e que para iso temos a necesidade de que o servizo de auga se remunicipalice”, salientou Otero, ao tempo que asegurou que debe ser o propio concello o que controle o abastecemento e o saneamento.

Segundo criticou o candidato nacionalista, “estamos presos por un contrato con Aqualia de hai máis de 25 anos”, que ao seu xuízo supón “un encarecemento para toda a cidadanía de Vigo do recibo da auga”. Apuntou ao respecto que os vigueses e viguesas pagan “unha dobre cantidade, un dobre custe”, debido a que por un lado hai que ter en conta o recibo, que se paga por máis gasto do que se consume, e por outro lado se lle aplica o IVE a esa cantidade que non se consume.

Medida inminente

Neste sentido salientou que o novo sistema tarifario debe cobrar segundo o consumo real, estimulando o aforro penalizando o consumo excesivo. “Entendemos que o cobro polo consumo real debe ser unha medida inminente”, subliñou, ao tempo que destacou que o obxectivo é “iniciar desde xa o estudo e deseño dun novo modelo de xestión”.

Serafín Otero defendeu que para comezar o proceso da remunicipalización é preciso crear unha comisión municipal na que participen os grupos políticos, pero tamén os movementos e axentes sociais da cidade. “Non só debe estudar a remunicipalización da auga senón tamén do resto dos servizos”, engadíu.

Fiscalización das contratas

O candidato do Bloque destacou asemade a necesidade de que se fiscalicen todas as concesionarias, en especial a do auga, así como a realización dunha auditoría sobre o estado das infraestruturas e o patrimonio municipal que estea xestionado pola concesionaria, e que deberá pasar á parte municipal, e a situación real dos traballadores e traballadoras de cara a que a súa subrogación “sexa na mellor das situacións posibles”.

Serafín Otero tamén defendeu que o concello debe renunciar expresamente a conceder novas prórrogas, “non s elle poden conceder máis prórrogas a Aqualia” e é preciso “estudar a fórmula legal que permita a reversión da que está en vigor para adiantarmos o rescate público”.

Para axilizar este proceso, o nacionalista defendeu tamén a necesidade de “eliminar as barreiras normativas, postas polo PP, que o dificultan”, e así suprimir a taxa de reposición, eliminar o límite de financiamento dos concellos e devolverlle á administración local as competencias que lle foron retiradas pola reforma local do PP.

“Mentres poñemos en marcha todas estas medidas, e de maneira inmediata, queremos aumentar a fiscalización sobre a actual concesionaria e sobre todas as contratas”, defendeu o candidato do Bloque, co obxectivo de poñer fin aos incumprimentos.

Preguntado polo acordo no Concello para facer un estudo sobre a modificación da tarifa da auga, Serafín Otero destacou que “é evidente que ni PP nin PSOE teñen ganas de facelo, xa que por un lado o PP pon barreiras normativas para que non se poida planificar, como a reforma local, e o PSOE pola súa banda non cumpre os acordos”.

 

Serafín Otero comprométese a iniciar a remunicipalización da auga nos próximos catro anos