Serafín Otero defende que BNG é a alternativa á política superficial do PSOE e os recortes do PP
O candidato nacionalista destacou nun almorzo informativo que a lexislatura que remata foron catro anos perdidos para Vigo polo que a cidade precisa dun cambio de rumbo
Vigo, 6 de maio de 2015.- O candidato do BNG Asembleas Abertas á alcaldía de Vigo, Serafín Otero, subliñou que o Bloque é a alternativa á política superficial e electoralista de Caballero, pero tamén á política de recortes do PP. Así o defendeu nun almorzo informativo organizado pola Asociación da Prensa de Vigo, a quen lle agradeceu o convite, e no que foi presentado pola xornalista e escritora Elena Gallego.
Serafín Otero destacou que Vigo precisa dun cambio de rumbo, debido á ausencia de proxecto do actual goberno municipal. "Non avalaremos a continuidade das políticas inútiles do PSOE nin permitiremos o retorno do Partido Popular, asegurou.
Para materializar o cambio de rumbo precisou as ideas forza coas que o BNG se presenta as eleccións do 24 de maio. Segundo explicou cómpre potenciar a democracia participativa, na que a cidadanía poida participar na toma das decisións, fronte ao retroceso na calidade democrática destes catro últimos anos. Como exemplo desta situación mencionou a actitude do goberno municipal a respecto dos colectivos veciñais ou a colocación do Bernardo Alfageme en Coia.
Para o BNG afondar na democracia significa desenvolver un novo regulamento de participación cidadá e un novo regulamento do pleno que favoreza a pluralidade política e a fiscalización da acción de goberno e que dea voz directa ás organización sociais, entre outras medidas.
Cero recortes
Apostamos por recortes cero en servizos sociais, asegurou Serafín Otero, para quen é indispensable desenvolver políticas que palíen as consecuencias da crise. Neste sentido salientou que o BNG reforzará as políticas sociais para combater a pobreza e o empobrecemento, con medidas como a gratuidade do bus urbano para persoas desempregadas e a progresividade nas taxas e os impostos municipais.
Fixo fincapé na posta en marcha dun plan de choque contra o desemprego, e en concreto contra o paro xuvenil, e na aposta pola xestión pública dos servizos municipais. Defendeu a execución destas medidas fronte as políticas inútiles de escaparate do PSOE, e os recortes do PP na Xunta e o goberno do Estado e asegurou que son necesarias novas políticas centradas nos problemas reais da xente.
Padecemos un goberno incapaz. Onde está a política cultural? Onde a política deportiva? Que promoción turística se fixo? Que medidas se adoptaron para protexer e poñer en valor o noso medio natural? Que alternativas se lle ofreceron á mocidade, a parte de botar o feche ás agachadas ao Súbete ao Castro? Que políticas para avanzar cara a igualdade real?, manifestou o candidato nacionalista.
Criticou que o goberno de Caballero desenvolvese unha política superficial e electoralista que lle deu as costas aos problemas reais da xente. Nesta situación Otero puxo en valor o traballo desenvolvido polo BNG nestes catro últimos anos. Pese a estar na oposición, o BNG vigués presentou numerosas propostas, especialmente en emprego e política social, subliñou, lembrando as emendas aos orzamentos para lograr aumentar as partidas sociais.
Temos as ideas, temos as propostas e ademais presentámonos tamén cunha equipa de persoas capaces de facer posíbel ese cambio de rumbo, asegurou o candidato nacionalista, sinalando que a candidatura BNG-Asembleas Abertas está integrada por persoas moi representativas dos movementos sociais, do feminismo e do eido sindical.