Serafín Otero: Defendemos a transparencia e queremos un concello coas paredes de cristal
O candidato nacionalista afirmou que Vigo necesita unha nova forma de facer política que garanta a participación da cidadanía na toma de decisións nos principais temas da cidade
Vigo, 16 de maio de 2015.- O candidato do BNG Asembleas Abertas, Serafín Otero, avogou hoxe no Calvario por un Concello no que os sinais de identidade sexan a transparencia e a participación. Así propuxo a creación dunha ordenanza sobre transparencia e libre acceso á información, ademais dun novo regulamento de participación cidadá e a modificación do regulamento do pleno.
Defendemos a transparencia e queremos un concello coas paredes de cristal, subliñou Serafín Otero no acto que celebrou o BNG vigués na zona peonil do Calvario, e no que estivo acompañado por boa parte da candidatura, como as número 2, 4 e 6, Vitoria Iglesias, Ernes Rodríguez e Lola Rodríguez, respectivamente; e tamén polos candidatos 3, 5, 7 e 9, Manuel G. Moreira, Manuel Caride, Diego Santorio e Xabier P. Igrexas.
O candidato do Bloque apostou por aumentar o grao de transparencia na administración municipal co fin de evitar que o Concello continúe asediado por causas xudiciais e se poña fin ao enchufismo. Queremos que o nome de Vigo non se vexa envolto en máis Operacións Patos, asegurou ao tempo que subliñou a necesidade de mudar a forma de facer política na cidade.
Acceso á información
Neste sentido Otero defendeu o acceso da cidadanía á información relativa a todos os expedientes tramitados, para o cal propuxo considerou imprescindible unha a elaboración dunha ordenanza sobre transparencia e libre acceso á información. Segundo destacou cómpre garantir o carácter público da información e apostou por crear un plan anual de publicidade e comunicación, que regule os gastos de publicidade e propaganda dos diferentes departamentos municipais.
Para mudar a forma de facer política en Vigo, o candidato nacionalista destacou asemade que hai que abrir o concello á participación da cidadanía. Neste sentido criticou que nos últimos anos a veciñanza tivo que padecer un goberno que utilizou o autoritarismo como forma de dirixir a cidade, acalando os movementos sociais.
Vigo sufre unha forte parálise dos mecanismos de participación cidadá, polo que no BNG queremos crear espazos de poder popular nos que os veciños e veciñas poidan expresar as súas opinións e poidan tomar decisións, destacou.
Serafín Otero recalcou a necesidade de establecer un novo regulamento de participación cidadá e a modificación do regulamento do pleno para favorecer o pluralismo e a fiscalización do goberno. Segundo, este novo regulamento incluirá a obrigatoriedade de consultar á veciñanza e aos colectivos sobre os principais asuntos cidadás.
Queremos garantir a participación efectiva tanto dos grupos políticos como das asociacións e movementos sociais da cidade, para que todos os asuntos relacionados coa institución sexan accesibles, afirmou, ao tempo que defendeu a elaboración duns orzamentos participativos, para que os veciños e veciñas poidamos opinar onde se gastan os nosos cartos.