Serafín Otero: Poremos fin ao abandono de Teis rexenerando o litoral e recuperando dotacións"
O candidato nacionalista criticou que os barrios e parroquias foron os grandes esquecidos nos últimos anos e destacou que o BNG aposta pola descentralización dos servizos
Vigo, 15 de maio de 2015.- O candidato do BNG Asembleas Abertas, Serafín Otero, subliñou que o barrio de Teis necesita dúas actuacións urxentes, como son a recuperación do litoral e o remate das actuacións na ETEA, no obxectivo de aumentar as dotacións para uso da veciñanza.
Temos que denunciar a situación pola que está pasando o barrio de Teis, practicamente abandonado polo goberno municipal, manifestou Serafín Otero, para quen esta situación non é exclusiva de Teis senón que tamén se produce no resto de barrios e parroquias de Vigo.
O candidato nacionalista destacou que no BNG apostamos por unha cidade en rede, policéntrica, con servizos descentralizados e próximos ás persoas, e no caso de Teis criticou o abandono que sofre por parte do Concello e da Xunta.
O litoral de Teis foi durante décadas ignorado e maltratado. Queremos continuar a súa recuperación para uso e desfrute da veciñanza, salientou. Neste sentido expresou o compromiso do BNG coa recuperación da zona da Logoa, para o cal considerou necesario poñer fin as concesións para usos industriais, comerciais e de almacenamento de mercadorías.
Defendeu asemade o traslado das naves que actualmente están sen apenas actividade a outras ubicacións máis axeitadas. Porén subliñou que este traslado non supón en ningún caso o poñer en risco ningún posto de traballo. Destacou que se trata dunha medida que permitirá a recuperación de varios milleiros de metros de bordo litoral para a xente, con importantes beneficios ambientais.
Instalacións da ETEA
A respecto da antiga ETEA, lembrou que o BNG sempre defendeu que estas instalacións sexan un espazo que recuperar para o barrio e para a cidade. Esiximos á Xunta de Galiza que poña en marcha a Cidade do Mar e que reserve parte dotacional para os veciños e veciñas, afirmou, ao tempo que salientou a importancia de que as actuacións que se realicen combinen o desenvolvemento de espazos científico-tecnolóxicos e dotacións para a revitalización urbana do barrio.
Ademais destacou que o Concello ten que implicarse para na recuperación integral das instalacións deportivas da ETEA para a veciñanza, xa que continúan pendentes a piscina e as pistas de squash.